Quizais pensen que son un atrevido, que sen ser científico político me atrevo a comentar o que acontece portas a dentro do Parlamento onde un grupo de elixidos deciden sobre as nosas vidas e facendas, e digo elixidos non porque sexan os mellores senón porque foron votados polo pobo soberano(¿?). Aos políticos non os elixen os especialistas na “res pública”; están aí porque se someteron a sufraxio de toda a cidadanía e eu, como parte desa cidadanía teño dereito a expor as miñas preocupacións, claro, baixo a miña modesta opinión de cidadán de a pe como os case cincuenta millóns de persoas deste país ao que pertenzo.
Unha das partes fundamentais da política son os pactos aos que poden chegaren os partidos co gallo de acadaren acordos que beneficien a vida da cidadanía deixando ao lado os intereses particulares dos propios partidos.
Así debería ser pero non é. E para mostras este botón da amnistía que non encontra botoeira no traxe deste país chamado España.
Resulta para min politicamente absurdo que un partido pacte con outro unha lei e logo cando chega o momento de votala no Parlamento vote que non.
¿Como lle chamamos a iso? Poñan vostedes os cualificativos que lles veñan á mente e encádrenos no que chamaríamos unha tomadura de pelo con todas as da lei. Iso é o que fixo un partido chamado Junts per Catalunya que provén daquel outro partido coñecido por Converxencia e Unió liderado outrora por Artur Mas e máis outrora aínda por Jordi Puyol , si aquel que dicía “¡España nos roba!” (xa se viu logo quen se levaba aquel 3% que algúns elevan ao 5%) co que un tal Xosé María Aznar tivo unha moi boa relación, tanto que lle levou dicir que falaba catalán na intimidade.
Pois a este partido a gobernabilidade de España lle importa un comino: está no parlamento para amolar, para demostrarlle a Esquerra Republicana que son más catalanistas e máis independentistas, e cuxo líder Puigdemont puxo “pes en polvorosa” deixando na estacada aos seus compañeiros do proceso independentista do 2017 que foron xulgados e condenados a prisión entre tres e trece anos mentres este personaxe fuxiu nun maleteiro dun coche e instalouse nun palacete nos lindes de Bruxelas vivindo alí o seu dourado exilio.
Sabedores que teñen a tixola polo mango queren apretar máis a negociación e facerlle un traje á medida ao seu íider.
Sete deputados poñendo en perigo toda unha lexislatura. Veremos en que remata todo isto. De non acceder o goberno á chantaxe, o mesmo na disolución do Parlamento e novas eleccións co que todo iso supoñería. Xa veremos.