Cobiza e a soberbia

A participación  do John Bolton nun programa de televisión, no que se pretendía aclarar até onde chegou a intervención dos Estados Unidos nos golpes de estado no exterior, non conseguiu  que este dese unha resposta concreta e exhaustiva. Porén a Universidade de Illinois fixo un estudo do tema que foi publicado por un importante xornal da Washington. Cómpre lembrar que Bolton formou parte do Governo durante a etapa de Reagan no ano 1982, e de executivos posteriores de Bush e por último de Trump. Neste longo período exerceu cargos de funcionario do Departamento de Estado, embaixador na ONU, e tamén como asesor de seguridade nacional.


Durante toda esta etapa o estudo responsabiliza ao Governo dos Estados Unidos de impulsar máis de 350 golpes de estado en todo o mundo, dos que se concretaron uns 150. Do total destes intentos 191 sucederon mentres Bolton estaba vinculado aos governos do momento. E fai referencia, entre as intervencións máis directas, á acción golpista de 1989 en Panamá, a invasión de Afganistán en 2001, ao derrocamento do governo de Haití en 2004, a intervención en Iraq en 2005... (todos durante os executivos do Partido Republicano (aínda que neste aspecto os demócratas teñen un historial semellante, lembremos o bombardeo de Serbia en 1999 e a intervención en Libia en 2011, por poñer só dous exemplos).


Por suposto á maioría destas intervencións deixaron moreas de mortos, destrución de infraestruturas,  e en todas ignorouse a soberanía dos povos agredidos e o dereito internacional.   Intervencións arroupadas diante da opinión pública dos Estados Unidos e do mundo, coa axuda dos medios afíns, por unha presunta defensa de valores de “liberdade e democracia” que estaban en perigo. Bolton xustificaba estes golpes nunha entrevista nun canal de televisión conservador, co argumento de que: “cando procuras o mellor para os intereses dos EEUU fas o que sexa necesario”.


As palabras de Bolton deixan en evidencia o difícil que será avanzar cara un mundo no que se respecte a diversidade e a soberanía nacional, porque os hábitos imperiais están moi consolidados, aínda que a realidade económica e demográfica,... obriguen a que as potencias hexemónicas se vexan obrigadas a ollar como vai collendo pulo un mundo sen imposicións, privilexios, e dobres varas de medir. Agora ben, tendo en conta esta tendencia dominante, o que resulta máis alarmante, mesmo estando atrapada na globalización neoliberal e nun papel subimperialista, e que a UE non aposte polas solucións dialogadas e acepte o multilateralismo.

Cobiza e a soberbia

Te puede interesar