Segundo a “enquisa conxuntural dos fogares”, publicada polo IGE e correspondente ao 2º trimestre de 2023, un 46,4% das familias que viven na Galiza teñen dificultades para chegar a final de mes, e un 8,9% moitas dificultades. Non é unha cuestión menor xa que abrangue practicamente á metade da poboación, malia que as familias son máis pequenas, e moitas están constituídas por só unha persoa.
Polo tanto trátase dunha eiva que atinxe a sectores moi amplos da sociedade, por exemplo á inmigración, ás familias monoparentais, a persoas desempregadas, mais tamén a aquelas con empregos precarios ou mal pagos.
Tampouco se pode obviar, que nese 44,68% que afirma chegar ao final de mes sen dificultades, haberá moitas familias onde todos ou parte daqueles/as que traballan realizan horas extras. Ou sexa, non se trata só de como se chega ben a fin de mes senón ademais cales son esforzos necesarios para conseguilo.
Que a metade da poboación teña problemas para vivir dignamente é un problema grave, e non se pode pretender xustificalo coa crise do 2008, pasou máis dunha década, e coa situación excepcional da pandemia, ou a guerra na Ucraína, máxime cando as grandes empresas están obtendo beneficios como nunca antes. Sen dúbida é un problema que ten características especificas en cada estado da UE e en cada nacionalidade e rexión do Estado español (EE).
Mais o caso galego, malia o avellentamento da povoación, pola emigración dunha parte da mocidade e a baixa xeración de emprego, e menores salarios e pensións, non está moi lonxe da media do EE, É verdade que xoga a favor que teña un peso importante o mundo rural e o papel da familia tradicional (a axuda dos avós/as). Son aspectos que non se poden obviar cando se analiza a realidade económica e social.
A precariedade laboral e os baixos ingresos (tamén en autónomos/as) son eivas de primeiro orde, que non se solucionan cos avances científico técnicos senón hai vontade política para que estes sirvan para reducir a xornada laboral, e para xerar emprego abondo con salarios dignos. E para iso cómpre que o Estado sexa realmente protector dos dereitos laborais e sociais. O que implica a necesidade de apostar pola produción e consumo de proximidade en todo aquilo que sexa posíbel. Ou sexa, todo o contrario da globalización neoliberal, que ademais estraga o futuro de moita mocidade. Fai falla unha revolución verde, mais tamén unha forte mudanza no modo de vida e nas relacións laborais. Senón medraran as contradicións e as respostas violentas (véxase Francia).