perda do poder adquisitivo dos salarios é unha cuestión esencial para a maioría da povoación, cunha inflación é tan alta e incontrolada. Aínda que non sexa o único problema laboral, porque non é menos importante a taxa de desemprego, a precariedade, as horas extras non cotizadas (e ás veces non pagadas), e moitos outros aspectos negativos que abranguen ao mundo do traballo. Daquela que as enquisas reflictan que o 43% das familias galegas teñen problemas para chegar a final de mes e haxa unha conflitividade nas empresas tan importante; e non só ligada á negociación dos convenios, senón tamén ao seu cumprimento e da normativa laboral vixente.
Segundo o Consello Galego de Relacións Laborais até xuño tíñanse negociado ou revisado no noso país, no primeiro semestre deste ano, 56 convenios (dos 1042 existentes) que atinxían a 75.259 persoas asalariadas (dun total de 502.964). Outra gran parte da clase traballadora galega está afectada por convenios estatais, e organismos públicos que seguen os criterios que marca o Governo central. Ou sexa, na primeira parte do ano negociouse ou revisouse unha pequena parte dos convenios, especialmente de sector, que representaban un 15% dos/as asalariados atinxidos por convenios de ámbito galego. A media ponderada do aumento salarial foi do 5,7%. Practicamente a metade o IPC anual no mes de xuño, que era do 11,1%.
Polo tanto, podemos tirar algunhas conclusións nesa altura. A primeira, que ten súa lóxica, que medrou a conflitividade laboral neste segundo semestre do 2022, e con toda seguridade aumentará aínda máis en 2023, xa que a mobilización é esencial para conseguir a menor perda de poder adquisitivo dos salarios. Máxime cando a inflación, que seica ía ser algo moi conxuntural, mantense firme (nun sistema que non responde as necesidades sociais, especulativo, desigualdade crecente, sancións, desfeita ecolóxica, guerras, intervencións...).
A segunda, que mentres que a media ponderada de aumento salarial dos convenios de ámbito galego foi do 5,7% os convenios estatais negociados no 1º semestre que atinxen a Galiza (15 de sector e 11 de empresa) só lograron o 1,89%. A diferenza é significativa, e algo terá que ver coa existencia de centrais sindicais exclusivamente galegas, que asocian a negociación coa mobilización; ou sexa: a participación activa dos asalariados/as, co obxectivo de exercer unha maior presión, diante dun capitalismo, globalizado e neoliberal, tan forte e con incidencia en todas as estruturas de poder.