A poboación local estamos vendo este verán como temos “overbooking” de turistas. Especialmente do interior. Seguro que isto vai a ser unha situación a normalizar para os próximos tempos, cambiando moito dos nosos hábitos. Agora xa estamos a tiro de pedra e somos das poucas zonas con temperaturas, máis ou menos, soportables. Pero, non é unha novidade. Por poñer un exemplo, aí está Cedeira que leva decenios convivindo con turistas, de xeito maioritario madrileños, aínda que sexa agora que comeza a ter problemas para aparcar e atopar sitio nunha terraza.
Nesta localidade costeira están tamén acostumados a ver ás primeiras figuras da dereita da capital do Reino. É comentario xeral na vila de Cedeira as comidas de determinadas xentes, verán tras verán, desde os tempos de Manuel Fraga. Cóntanme que estes días estaban xuntos compartindo mesa o - xa habitual - alcalde de Madrid, un coñecido periodista, o ex presidente Rajoy, Feijoo; así como un coñecido empresario metido a presidente de club de fútbol e un coñecido directivo de banco. Pechaba a mesa un ex socialista e ex alcalde que recentemente tivo a “ousadía” de asinar un manifesto contra as políticas de Pedro Sánchez, aínda como suposto membro da “vella garda” do PSOE.