A Casa da Serea

Antonte, invitado pola asociación cultural “Apelón Educación” da miña vila , tiven o pracer de falar sobre un inmoble que forma parte da intrahistoria de Mugardos do que a estas alturas so se salva o fermoso escudo que superou a desfeita e fachendoso  mira ao mar da nosa ría.


Aló polo século XVIII chegou a ser unha mansión propiedade dunha familia de certa estirpe: os Mariño de la Barrera. Don Xoán, o promotor, nacera na veciña vila de Ares  en 1737 e morreu en Madrid en 1808 sen descendencia así que o maiorazgo da casa recaeu no seu irmá don Álvaro, avogado,  tamén aresán que faleceu en Mugardos en 1769 e cuxo fillo don Ramón, tenente de artillería e rexidor de Betanzos, pasaría a ser o herdeiro, un personaxe que foi decisivo cando era alcalde da vila no complicado pleito que os mareantes e campesiños de Mugardos mantiveron co gallo de abandoar a xurisdicióin que o Mosteiro de Santa Catalina mantiña sobre a vila grazas a cesión que lle fixera Fernán Pérez de Andrade (O Bo) fundador do cenobio no século XIV. O trato abusivo por parte dos frades era insoportábel  A queixa prosperou quizá pola influenza que tiña na Corte o seu tío  don Xoán , presidente da Real Chancillería de Granada e en 1790 nomeado Camarista do Consello de Castela, un cargo importante que mantivo ata un ano denentes da súa morte. A vila de Mugardos entón pasou desa xurisdición relixiosa a ser vila de realengo.


Hoxe a “Casa da Serea” atópase nunha ruína total e practicamente irrecuperábel pois só se mantén en pe a metade do inmoble,   a que falta colapsou ou a colapsaron e nese espazo construíron no ano 1940 un taller de reparación e posta a punto de embarcacións de pesca. Tal vez, se vostedes pasearon pola fachada marítima de Mugardos, repararsen nela. A parte que queda en pe sufriu diversas agresións estructurais e resulta un verdadeiro milagre que non desaparecera totalmente. Foi no amplo sentido da palabra unha casa señorial malia que non chegou participar das características xurídicas, sociais e económicas  que soen atribuírse aos pazos. Era unha fermosa casa cun interior suntuoso nun axeitado asentamento á beira do mar, con piunturas murais nas estancias nobres. Era de pranta rectangular das denominadas dun alto e construída con pedras posiblemente das canteiras locais  cunha cuberta organizada a catro augas con tella curva do país e bufardas que daban luz ao sobrado. Todo desapareceu quedando o pouco que se conserva do inmoble totalmente baleiro.


Un letreiro na fachada anuncia que se vende. De ser adquirido oxalá iso supoña un leve rexurdimento porque a restauracióin total do que foi esa casa semella, tal e como están as cousas, unha misión imposible.


Pois desta e dalgunha cousiña maís relacionada con esta casa falamos o pasado venres co gallo de terse conmemorado o “Día do Patrimonio”. 

A Casa da Serea

Te puede interesar