Capitán de capitanes

Estou a ler o libro que sobre Ferrol publicou José Montero Aróstegui, (1817-1882), no ano 1858 baixo o título Historia y Descripción de EL Ferrol. Consta de máis de catrocentas páxinas moi documentadas onde ao longo dos séculos fala o autor da historia da cidade, dos seus aborixes e mesmo da controvertida etimoloxía do seu nome.


Polo que levo lido ata de agora, unhas 130 páxinas, moitas foron as vicisitudes, fames, guerras e crises polas que pasou o noso ferroliño, sendo de destacar en cada momento, segundo o autor, a lealdade e bon facer dos homes que durante tantos anos o gobernaron. Tampouco faltan os nomes de personaxes famosos tanto a nivel local como nacional que influíron, e moito na historia local, de España e do mundo.

A creación dos estaleiros e o seu posterior traslado dende a vila da Graña ata o chamado monte, ou cadro, de Esteiro está amplamente documentada cunha exhaustiva relación dos barcos alí construídos ata a data de publicación do libro, con precisión dos anos da súa construción e armamento. Non esquece o autor a derrota do cabo Trafalgar da que culpa, sen ningunha dúbida, ao almirante francés Villeneuve, na que morreron insignes mariños, entre outros, Don Federico Gravina, xeneral da escuadra española, os brigadieres Don Cosme Damián Churruca e Don Dionisio Alcalá Galiano e o celebre almirante Sir Horace Nelson por parte dos ingleses. A historia de Ferrol está moi unida á da nosa Armada porque a súa prosperidade e mesmo as súas venturas e desventuras foron, son e serán sempre parellas, como así sucédeo co desastre de Trafalgar. Como derradeiro homenaxe a tantos heroes non me resisto a transcribir aquí o resumo das perdas: Ademais dos tres oficiais xenerais nomeados, 32 xefes e oficiais subalternos, 1268 individuos de mariñeiría e tropa e dez navíos de guerra quedando outros desarborados e desmantelados con graves avarías.


A igrexa de San Julian construída entre os anos 1765 e 1772 é protagonista sobranceira cos seus multitudinarios Te Deum celebrados para agradecer moitos sucesos que conformaron o progreso do que empezou sendo unha aldea de pescadores. É Concatedral dende 1959 en virtude dunha bula do papa Juan XXIII.


A primeira edición foi publicada, como xa queda dito, no ano 1858 O primeiro exemplar foi adicado á reina Isabel II, a mesma que por Real Decreto do 13 de outubro de 1858 dignouse a conceder á ata entón vila o título de cidade.


Sería bo que alguén colla o relevo e continuara coa historia, peripecias e vicisitudes da nosa cidade a partires da data en que a deixou Montero Aróstegui. Para elo temos hoxe en día en Ferrol moi boas e documentadas plumas. Así que ánimo e adiante que este Capitán de Capitanes como o bautizou alguén, ben o merece.


Sen ningunha dúbida sería un “best seller”.

Capitán de capitanes

Te puede interesar