Canción triste de Radio 3

Xesús Vivanco é un home, un personaxe ferrolán, a ter en conta polo seu traballo no mundo da comunicación radiofónica. Sempre na radio pública (RNE)


Sei como é, que non encaixa nesas persoas que necesiten estar alimentando seu ego un día si e outro tamén, por iso estou seguro de que se vai anoxar por falar neste momento del, pero abusando da nosa vella amizade vou correr o risco.


O Suso é Enxeñeiro Técnico Naval na primeira promoción de EIT de Ferrol, traballou en Astano e Bazán, máis tarde licenciouse en Xornalismo na Universidade Complutense de Madrid e en Dereito na UNED. Foi locutor e redactor en RNE desde 1978 e creador xunto a outros profesionais da emisora Radio 3 chegando tamén a dirixir Radio 5 Todo Noticias. Así, a bote pronto, un expediente suficiente a ter en consideración.


Vivanco pensou que a xente nova era merecente de contaren cunha emisora que respondera as súas inquedanzas, unha emisora próxima que abordase noticias e música imbricadas ambas as dúas materias nunha programación que respondera ás expectativas dos seus potenciais destinatarios. En xullo de 1979 comezan as emisións de Radio 3 con espazos musicais onde a oferta consistía na musica non emitida noutras emisoras, e en tres informativos diarios que chegaron a crear tendencia porque se facían cun tratamento e linguaxe propios da mocidade. Era unha emisora nova á que se lle prognosticaba un longo percorrido. E aí estaban Xesús , director deses informativos, e os seus colaboradores para faceren iso posible diante dos micros. Pero...axiña comezan os problemas, vicisitudes ( no sentido estrito da palabra onde se alternan sucesos prósperos e adversos) e paus nunha roda que xiraba lixeira. As pegas viñan dos despachos de enriba onde non vían unha linguaxe axeitada para unha emisora pública e un tratamento das noticias senón politicamente incorrecto acaso politicamente “inoportuno”. A corda foise estirando tanto que ao fin rachou.


Todo isto cóntao Xesús Vivanco nun libro. “Canción Triste de Radio 3-Recuerdos sin ira de una idea frustrada”, unha auto edición moi ben feita e escrita na que o autor expón dende nunha visión introspectiva o que puido ser e non foi, dende que Radio 3 comezou ás súas emisións ata que o seu creador foi cesado. Un libro-documento fundamental para entender como un proxecto brillante acaba sendo fagocitado e soterrado baixo espurias manobras. Posiblemente axiña pódase acceder a el en PDF. Paga a pena. Abofé.

Canción triste de Radio 3

Te puede interesar