Nos tempos que corren, o balbordo converteuse nunha constante nas celebracións populares, especialmente durante as verbenas e festividades. Coa chegada do verán, multitude de localidades por toda Galiza énchense de xente con ganas de troula, un reflexo dunha tradición cultural fondamente enraizada na nosa sociedade. As terrazas, os bares con música a intenso volume e as orquestras co seu equipo cun son de récord son, para moitos, unha parte esencial da identidade festiva galega. Non obstante, este panorama alegre agocha unha cuestión importante: a crecente contaminación acústica e o impacto que esta ten na saúde das persoas e no benestar dos animais.
O ruído, polo seu efecto negativo na saúde, tal e como o coñecemos hoxe, converteuse nun factor determinante na calidade de vida urbana. As celebracións que antes se realizaban de forma máis modesta e respectuosa co entorno, hoxe en día veñen acompañadas dun exceso de decibeis, un fenómeno que se agrava coa utilización indiscriminada de foguetes de palenque e pirotecnia. Esta realidade, que para algúns é sinónimo de festa, para outros representa un auténtico pesadelo.
As persoas altamente sensibles ao ruído sofren consecuencias que van dende o estrés e a ansiedade ata trastornos do sono. Non son poucas as voces que denuncian que, baixo o pretexto de preservar a tradición, estase a sacrificar o dereito ao descanso e á saúde mental de moitos cidadáns. Por outro lado, o impacto do ruído nos animais é igualmente preocupante. A isto chegouse nunha competición, non declarada, polo volume máis alto e o espectáculo máis impáctante.
Diante diso, imponse unha reflexión crítica sobre o noso xeito de entender as celebracións. As verbenas, as festas patronais e outros eventos populares deben seguir sendo un espazo de encontro, onde as comunidades se reafirmen e onde se celebren as nosas raíces culturais. Isto non debe ser incompatible cun respecto escrupuloso polo dereito ao descanso e á saúde.
O uso de tecnoloxías máis eficientes e modernas permite hoxe en día un control máis preciso dos niveis de son, garantindo unha experiencia satisfactoria sen sobrecargar o entorno acústico. A protección do noso entorno sonoro é tamén unha forma de coidar a nosa saúde, a dos nosos animais e, en definitiva, de garantir a calidade de vida en comunidades onde a festa é un reflexo de identidade, pero non un pretexto para sacrificar o benestar común. Equilibrar tradición e ruído.
Unha evolución positiva a prol diso, nas nosas festas populares, non debería entenderse como unha traizón á tradición, senón como unha adaptación necesaria para preservar o seu espírito nun contexto máis respectuoso coa saúde e o benestar de todos. O equilibrio entre a tradición cultural e o respecto polo descanso cidadán é non só posible, senón imprescindible, se queremos garantir que as nosas celebracións sigan sendo motivo de feliz orgullo para todos, sen excluír a ninguén.