Que desde o ámbito militar e institucional no marco da UE por medio de algúns dirixentes e desde certos medios de comunicación se realicen valoracións, mesmo chamamentos á sociedade, a estar preparados para un ataque da Federación Rusa a un ou varios países de Europa, mesmo integrantes da OTAN, nos vindeiros meses, non é críbel. Daquela que outras fontes cos mesmos intereses e obxectivos anuncian a confrontación para á próxima década.
Trátase de crear un estado de animo na sociedade de alarma, que despexe o camiño para arroupar a belixerancia e o militarismo... e tamén para reducir a oposición social e política ao transvase de recursos dos servizos e prestacións públicas, de salarios e axudas á pequena empresa, ao aparello militar e de seguridade (e ás grandes fortunas).
Faise, porque para alén dunha minoría, que vive pendente do conflito entre potencias, a gran maioría da sociedade en “occidente” está máis preocupada, como é lóxico, da situación laboral e social, dos baixos salarios, do medre da desigualdade, da desfeita ecolóxica, da perda de contidos dos dereitos democráticos...
Agora ben, unha confrontación militar na que participen directamente as grandes potencias (como Estados Unidos, Rusia, China...) é doado que derive nun conflito nuclear, ou sexa, no suicidio de toda ou a maior parte da humanidade. Non habería potencias gañadoras, nen clases sociais que tirasen beneficios. Fronte a este escenario, en calquera das súas variábeis, o urxente e prioritario é a negociación, buscar o pacto, non facelo, por calquera consideración, por máis importante que fose, é unha irresponsabilidade irremediábel para a humanidade.
Isto non vai de quen saca máis pronto o revolver, nen de quen logra contar coa arma máis destrutiva e rápida, e o maior exército, para co “inimigo” non poda responder. Ficamos nun intre no que de pouco vai servir a tecnoloxía se en boa medida está ao servizo da destrución, do poder e do lucro, e da desaparición da humanidade. Cómpre recuperar o aspecto central da construción colectiva, protexendo a diversidade, no persoal e como povos, xa que son a maior riqueza da humanidade: historias, culturas, linguas, solidariedade...
O exemplo do camiño errado témolo na destrución de Gaza polo exército israelí. Que saída a medio prazo lle dá a Israel? Para alén de asociar o país a unha imaxe de xenocidio, que sería aínda máis grave coa expulsión dos palestinos/as do territorio; que tampouco evita que o problema siga presente.
A única alternativa para todas as partes é chegar a un acordo. E neste aspecto, como sucede na Ucraína, “occidente” non está axudando.