Así fala a Terra

No universo hai miles de millóns de galaxias, na nosa galaxia hai miles de millóns de planetas, pero só hai unha Terra. “Durante a maior parte da nosa historia, os seres humanos viviron en harmonía coa natureza, pero rompemos ese equilibrio ao explotar o noso planeta para acadar produtos e riquezas, Isto creou unha catástrofe climática que levou á extinción de especies, á contaminación do chan, mares e aire. A rede que sostén a vida está a esfiañarse. Se falla, nós como especie, tamén fracasaremos. A ciencia é clara e o tempo acábase. Debemos pasar de prexudicar o noso planeta para sandalo. Debemos protexer o que temos e recuperar o que perdemos para avanzar cara a un futuro mellor e máis sostible, un planeta onde todos poidan prosperar. A humanidade uniuse antes para evitar catástrofes ambientais. Axudamos a reparar a capa de ozono. Restauramos millóns de hectáreas de ecosistemas terrestres e mariños, o que resgardou a miles de especies. Prohibimos contaminantes perigosos, e isto salvou innumerables vidas. Entón, deixemos que esas vitorias sexan os fachos que acendan máis accións e iluminen o camiño cara a un mundo onde volvamos estar en paz coa natureza”. Velaquí o discurso amábel dunha emerxencia.


Medio século máis tarde, as institucións formais da rede diplomática mundial cítanse de novo en Estocolmo para, iso din coa boca grande, “protexer o planeta”. Aquí, na capital sueca nacera xustamente a celebración anual do Día Mundial do Ambiente, cada 5 de xuño, que vén xa desde 1972 por acordo da Asemblea Xeral das Nación Unidas da man do “Programa da ONU para o ambiente”, PNUMA, á procura de “sensibilizar á opinión internacional en relación a temas ambientais, intensificando a atención e a acción política co obxectivo principal de darlle un contexto humano, motivando ás persoas para que se transformen en axentes activos do desenvolvemento sostible e equitativo; promover o papel fundamental das comunidades no cambio de actitude cara a temas ambientais, e fomentar a cooperación, pois esta garantirá que todos os países e seres humanos gocen dun futuro máis próspero e seguro”. A intención, boa. O resultado acadado, xa tal.


Aniversario redondo baixo o lema “Unha soa Terra” que chega nun momento crucial xa que todos os semáforos que sinalan o estado de saúde da Terra están en ámbar, sendo moi optimistas, e a maioría dos países máis desenvolvidos aprobaron declaracións de emerxencia climática. Evento que debe servir para acometer medidas urxentes que eviten os peores escenarios na urxencia do clima, freen a perda de biodiversidade e reduzan os niveis de contaminación e a xeración dos residuos que guindamos a diario. Iso é o que nos está a pedir o planeta. Escoitemos o seu berro.

Así fala a Terra

Te puede interesar