As Travesas

Hai un momento no Camiño Inglés no que confluimos os peregrinos que vimos de Ferrol con aqueles que encetaran a boroa en Coruña. En puridade aqueles que foran, en tempos, de Durham a Southampton, o máis probable é que tomaran a deriva coruñesa. Acontece que, hoxe, ese percorrido non dá para o diploma chamado “Compostelana”. Así todo Ferrol-Neda-Pontedeume-Betanzos-Bruma-Sugüeiro-Santiago é percorrido aconsellable abondo, pola estética, pola ética, que nas Travesas-Carral combina a peregrinaxe ferrolá coa coruñesa.


E alí o milagre é Casa Avelina, un bar-estanco rexentado por dúas irmás, Carme e máis Avelina, que son dous auténticos anxos para os romeiros cansos de tanto andar na etapa que nos trae de Betanzos (aos que comezamos en Ferrol), logo de transitar polas alturas de Vilacoba e Vizoño. Ben que entre ambas apareza o oase do encoro de Beche para o camiñante, acougo e confort logo dun transitar abondo complexo. Ah, mais desde este lugar xa nos tarda chegar ás Travesas por unha paisaxe deserta, onde unha granxa de visóns hoxe semiabandonada dea en coidar na fugacidade de case todo. Pero non na presencia de Carme e Avelina, que nos agardan, co seu local cheo de peregrinos, despois de ter fixado unha cita telefónica. Iso logo de que o chou nola descubrisen, a elas e máis a esa nai, perenne detrás do mostrador.


O menú de Casa Avelina é sota, cabalo e rei, a base de pan, xamón, queixo e chourizo para que o camiñante se sinta baixo do ceo protector aquel da novela de Paul Bowles. E logo de repoñer forzas compre cruzar a estrada, na procura da capeliña, ermida se se quere, da que Carme é comprida santeira, onde se atopa San Roquiño, perna espida, mostrando chaga, e o canciño á beira, ante quen acender esas candeas que alumeen aínda máis o noso Camiño Inglés. Para o caso Camiño Escolar, cincuenta e oito escolinos este ano, do Colegio Logos, de Las Rozas de Madrid, que me fan o honor de contar comigo como escolta nesa romería inefable que chamamos vida. Se pasades por Casa Avelina, imposible non facelo no Camiño Inglés, quer desde Ferrol, quer desde Coruña, levádelle a estas irmás a rosa dun corazón agradecido.


A miña, mais tamén as de Ana Belén, Jorge e Aaron, meus camaradas na docencia cos que tanto teño viaxado no pasado, no presente continúo, e a San Roque, unha candea curandeira das feridas que a vidiña teña disposto diante nosa. Que para iso sirve tamén este Camiño, que cansa pouco cando nel aparecen Carme e Avelina, ou Avelina e Carme. E San Roquiño.

As Travesas

Te puede interesar