As eleccións autonómicas do pasado día 18 para moitos/as non implican cambios, xa que o PP mantén a súa maioría e a porcentaxe de votantes, mesmo diminuíndo a abstención. O que seica desminte as expectativas de que era posíbel un xiro progresista na Xunta de Galiza dado a situación económica e social, e ao que hai que sumar nas últimas semanas as fortes mobilizacións pola desfeita dos pélets, o deterioro da atención sanitaria e unha morea de conflitos laborais. Ademais, fortalecía esta interpretación que a oposición governa na maioría dos centros urbanos, e supera en votos á dereita nas eleccións estatais.
A posibilidade de se producir un cambio na Xunta alimentou que dirixentes dos partidos políticos estatais, vidos principalmente de Madrid, participasen activamente na campaña, especialmente o PP, mais tamén o PSOE, Sumar, VOX... Malia esta interferencia todo indica que os temas importados como o da amnistía non incidiron nos resultados, tal como amosan os bos datos do BNG. Os galegos e galegas votaron en clave interna, non todos, mais si unha inmensa maioría, algo que ademais reflectían as enquisas realizadas durante a campaña. O que tamén resulta evidente é que este contexto, dun posíbel cambio, mobilizou a militancia dos partidos políticos, especialmente aqueles con máis base territorial; tamén ás forzas económicas e da sociedade civil relacionadas co poder. E un governo presidido polo BNG aínda ten moita oposición en sectores con poder.
Agora ben, aínda que o PP gañase estas eleccións, deixando ver que ten músculo, mesmo nos centros urbanos, reducir a lectura do acontecido a este feito, mesmo sendo relevante, sería unha fotografía incompleta. Os resultados deixaron en evidencia a perda de apoios do PSOE, cando menos nas eleccións autonómicas, o que é un chamado de atención de boa parte dos seus simpatizantes en relación coa súa débil defensa dos intereses do país galego. Un chamado de atención que tamén se dá en relación con Sumar, aínda que neste caso se lle engadan as liortas internas, a falta dunha estrutura organizada, ou sexa, a debilidade do proxecto.
No caso concreto do BNG é lóxico que lle doa que non houbese votos abondo como derrotar ao PP, para realizar políticas transformadoras na Xunta, nunha conxuntura tan preocupante. Mais tamén é relevante que acadase o apoio do 31.5% dos galegos e galegas. Un paso adiante que axuda a ampliar a organización e gañar peso noutras institucións... e sobre todo fortalecer a mobilización das clases populares para forzar cambios nesta lexislatura.