Foro Galego Literario de Valdoviño, do mestre de poetas e narradores Antón Cortizas, vén de pechar este curso coa presenza de Rosa Aneiros. Nun ateigado acto conducido pola poeta Ana Varela, con música de Óscar Fojo e patrocinado polo Concello, presentando a súa nova novela: “A noite das cebolas”.
Debemos recoñecerlle a Rosa Aneiros a cualidade de traspasar o seu xénero narrativo primixenio. Hai na súa capacidade creativa un lirismo que sobrepasa o propio texto e acaba por se converter en verdadeira metaliteratura. Unha fase superior onde a palabra non ten límites, sendo tan infinita como a nosa propia imaxinación. “A noite das cebolas” ten voces que trasladan ao lector a unha poética que logra alcanzar a beleza.
Déixolles algunhas frases soltas desta novela: “Agás agora. Agora tiña un faro. A noite estrelada de Van Gogh. As chagas no corazón non son doadas de ver, e moito máis se ninguén mira para elas. Arela. Todo sucedeu na beleza do corazón dunha cebola. En cada semente que botamos hai un desexo oculto, o de sobrevivir. A procura da beleza ás veces agocha unha violencia aterradora. Habitar a mentira para poder sobrevivir... A faísca que prende o mundo.
E así, sorprendentemente, foi”.