Aranas

Unha das cousas que máis e mellor gravadas teño dos meus anos escolares é o positivo impacto que me produciu o descubrimento do latín, da man da profesora Felisa Crisanto, unha das escasas catedráticas que había no Instituto Concepción Arenal, o único que daquela había na nosa cidade. Ela e Manuel Pérez Arévalo son os dous únicos docentes dos que gardo un magnífico recordo, nos sete anos cursados nese centro escolar. Os demais téñoos moi esquecidos. Malia o interese que me suscitou a lingua do Lacio, extentida —e non precisamente a pancadas— polo vasto imperio romano, esa que, erosionada polo uso, é un dicir, seguimos utilizando en versións galego—portuguesas, españolas ou catalás, non me levou a elixir a opción de letras no bacharelato superior. Non encaixaba no  tipo de estudos que o adolescente que eu era pensaba seguir. Logo, a vida é así, acabei estudando Filosofía e Letras e aí volvín bater co latín, tanto como materia de estudo en si, como pola súa relación coas linguas neolatinas, aspecto que hoxe me segue a interesar. Gusto de saber da orixe das nosas palabras —tantas veces incerta e hipotética— e, por iso, vou procurala con relativa frecuencia.
 

Nestes días, desde que Puigdemont falou, o que para algúns parece ser pouco menos que abrir a caixa de todos os tronos, de amnistía, que non é outra cousa que o amnestǐӑ, —ae, co que os latinos se referían ao perdón, voz, así mesmo, tomada do grego ἀμνηστία, o que para estes era o nós dicimos esquecemento. Así pois, amnistía é iso: esquecemento, perdón. E, chegados aquí, non podo menos que preguntarme se o poder lexislativo dun estado (de dereito, por suposto), que, sen ser confesional, enche anualmente as arcas da igrexa católica non vai ter a posibilidade de perdoar, de facer efectivo ese vocábulo tan xenuíno da relixión que tanto protexe?
 

Fálase de que unha lei de amnistía non tería cabida na constitución, cando —que me digan o artigo onde se di— por máis que a leo e a releo non atopo nada ao respecto. Tamén que só pode usarse cando se cambia de réxime político, como foi a de outubro de 1977, que eximiu de castigo todos os crimes cometidos polo poder nos corenta anos de ditadura. Basicamente, para iso, e non para soltar os presos políticos antifranquistas, é para o que se eleborou a lei de amnistía. Agora do que se trata é de desxudicializar o problema catalán, como, con moi bo criterio, dixo estes días o exministro Montilla.
 

Porque, ademais da do 77, houbo outras “amnistías”, nomeadamente fiscais, algunha en gobernos de Felipe González —esa voz que agora se mostra crítica— e a máis recente e soada de todas, levada adiante polo ministro Montoro, en tempos de Rajoy, presidente, por certo, que hai 6 anos, semellaba non ser, precisamente, contrario a negociar unha amnistía, como recolle a portada do ABC —xornal conservador onde os houber— de 17 de outubro de 2017. Aí está a hemeroteca do diario para comprobalo.
 

O que acontece é que hai moita interesada amnesia, voz —derivada do grego ἀμνησία—, da mesma familia que amnistía, que como sabemos quer dicir perda ou debilitamento da memoria.
 

Se cadra o PP e os seus votantes e simpatizantes ven máis lexítimo captar apoios pola vía do transfuguismo, a “compradera de votos”, que dicía Carlos Puebla.
 

Non nos deixemos enganar.

Aranas

Te puede interesar