Hai xa algún tempo, que estou convencido de que, o noso Presidente, o señor Feijóo é, actualmente, un dos poucos políticos serios deste país, malia a súa ideoloxía que, por suposto, non comparto. Pero hai que recoñecer a dificultade que representa aguantar a súa posición dentro dun partido, acusado de corrupción por todas partes, sen se ver afectado das salpicaduras de tantas trapalladas. E hai que recoñecerlle tamén a súa prudencia e a súa visión política, para non embarcarse nunha loita pola presidencia do PP, nestes momentos nos que o partido atópase tan desprestixiado. Semella que se considera realizado co seu “reinado” en Galicia, onde o saber popular indica que: “ninguén é profeta na súa terra”. Nas súas declaracións sempre parece ecuánime e comedido, aínda que, de tanto falar pódeselle escapar algún detalliño de “suficiencia”, como cando dixo que: “ criticarnos a nós , é criticar a Galicia”. Seica se identifica persoalmente coa súa terra, o que tende a igualalo co Rei Sol francés, aquel Luís XIV, autor da famosa frase: “O Estado son eu”. Será quizais un desexo instintivo de absolutismo? Non sería nada estraño que o éxito se lle subira aos miolos, despois de haber acadado tantas vitorias absolutas. Non é?