25 de abril

Sempre que tiven oportunidade quixen celebrar o 25 de abril participando nunha das escasas manifestacións-desfiles ou marchas, que adoitan dicir os nosos irmáns portugueses- que teñen lugar ese día en Portugal.
 

Lembro que hai seis anos, cando circunstancias da vida me levaron a morar tres meses -marabillosos, dito sexa de paso- en Braga, me chamara poderosamente a atención que non houbese marcha ningunha na capital do Miño e terceira cidade portuguesa en número de habitantes, para celebrar o día da Revolução dos Cravos, o “dia inicial inteiro e limpo”, como tamén o denominan. Recordo ben que, na tardiña da véspera, acudira a un concerto de Paulo de Carvalho –celebrado no coqueto e decimonónico teatro Diogo Bernardes, de Ponte de Lima– onde, en plan moi familiar, parte do público asistente non paraba de reclamarlle que interpretase “E despois do adeus” -xa saben a primeira das cancións emitidas para marcar os pasos para acabar co réxime fascista-, feito que molestaba o artista, pois tíñao reservado para o remate da actuación. Mais é sabido que as persoas, ás veces, somos así de ansiosas.
 

Ao día seguinte, xa que en Braga non había, achegueime á manifestación do Porto, á que acudín noutras ocasións e era o que tiña previsto facer este pasado 25. Mais, paseando por Braga, batín cunha pancarta que anunciaba a manifestación e a concentración na Avenida Central bracarense, organizada pola União dos Sindicatos de Braga, baixo o lema “25 de Abril : Cumprir Abril - Construir Futuro”. Xa que logo, xa non tiña que desprazarme á cidade tripeira. 
 

Esta e outras mobilizacións que non había en anos anteriores obedecen, sen dúbida –así o entendín nos discursos dos oradores, previos á partida da manifestación–, a que a situación da maioría da poboación está tocando fondo e os tempos que se albiscan non parecen ser mellores, senón o contrario. A socialdemocracia gobernante, desde que conseguiu a maioría absoluta, está a incumprir o seu programa e moitos dos principios constitucionais –mesmo os xa recortados– establecidos após a caída do fascismo. E saben, como o sabemos nós, que se volve a dereita, con ou sen apoio da extrema, a situación aínda se deteriorará máis. De aí a reiteración da consigna “25 de abril sempre, fascismo nunca máis”. Gustei de ver xente nas rúas bracarenses reivindicando dereitos.
 

Fun a Braga o día 24 para participar na Conferência Internacional “A Resistência Comparada”, organizada pola “Comissão promotora de homenagem aos Demócratas”, na moi grata compañía de Rodolfo H. Gil –embaixador da Arxentina en Portugal–, Benvindo Sequeira –recoñecido actor brasileiro–, Claudio Sunkel –destacado investigador chileno da Universidade do Porto–, Elias Soukiazis –profesor de economía na Universidade de Coimbra– e Manuel Sarmento –profesor de pedagoxía na Universidade do Minho–. Tratábase de testimuños persoais de xentes que viviron en ditaduras de corte fascista, coas súas similitudes, diverxencias e saídas diferentes. Para min interesante, nunca é moito o que sabemos do acontecido noutros territorios, próximos ou lonxanos.
 

O 25 de abril é día de reflexión, mais tamén de lecer. Por iso, gustei de desfrutar dunha máis que deliciosa noite na compaña de Carlos Pazos -profesor da Universidade do Miño, a quen considero bo e querido amigo- e algunhas amizades súas. 

25 de abril

Te puede interesar