O 1º de maio e os mártires de Chicago

No ano 1886 o presidente dos Estados Unidos promulgou a lei que fixaba a xornada de oito horas, porén non entrou en vigor. Polo que a Federación de Organizacións de Sindicatos de Traballo e Comercio dos EEUU decidiron realizar unha folga xeral a partires do 1 de maio. Ese día uns 190.000 traballadores/as pararon. A maior parte conseguían que a patronal cedese para evitar a folga, e outros 50.000 acadarían este obxectivo antes de rematar o mes. 
 

Non todo foi positivo. Ese día en Milwaukee a represión policial causou 9 mortos. En Chicago manifestáronse 80.000 persoas e a patronal fixo lock-out contra o paro, o que agravou o conflito, estendendo a folga a 40.000 traballadores o 2 e 3 de maio. Este último día 6.000 operarios madeireiros axuntáronse por un conflito paralelo ao das oito horas, un grupo de 200 persoas afastouse da concentración para se enfrontar aos esquirois que saian do serradoiro. A policía non tardou en chegar utilizando as armas de fogo, polo que os concentrados acudiron na súa axuda. A policía dispersounos e seguiu disparando contra os que fuxían, causando 6 mortos e uns 50 feridos.
 

Para o día seguinte os anarquistas e socialistas convocaron unha concentración no que se axuntaron unhas 20.000 persoas. Ao remate da reunión o capitán Ward avanzou sobre os grupos obreiros que ficaban na praza para desaloxalos. Despois, alguén guindou unha bomba e matou a un policía e feriu a varios. As forzas policiais abriron fogo contra os traballadores/as, matando a uns 80 e causando 200 feridos. 
 

Comezou un duro e calculado reaxer da patronal, co apoio do Governo, que en moitas empresas suprimiu mediante lock-out a xornada de oito horas. Desde todos os estamentos do sistema culpouse da morte do policía aos dirixentes do movemento folguista. Fíxose un xuízo amañado, cun xurado designado a dedo. O 11 de novembro de 1887 foron aforcados Parsons, Spies, Engel e Fischer. Lingg apareceu morto na cela e o resto pasaron a súa vida en cadea perpetua (Neebe, Fielden e Schwab). Malia a situación represiva, medio millón de persoas asistiron ao enterro dos catro aforcados, o que reflicte cal era o sentir popular.
 

No ano 1889 o Primeiro Congreso da 2ª Internacional, realizado en París, acordou celebrar todos os anos o 1º de maio como xornada reivindicativa do proletariado mundial. A nación galega non foi allea ao momento e sentir da Internacional, no ano 1891 realizouse unha unha folga xeral na Coruña a prol da xornada de oito horas (para unha semana laboral de seis días) e en 1892 saia o periódico “El Obrero” en Ferrol.

O 1º de maio e os mártires de Chicago

Te puede interesar