Os Xoves da Capela ofrecen esta noite o concerto dos carballeses Chicharrón

O trío presenta ás 21.00 horas no Torrente os temas do seu último disco, “O que nos queda por non dicir”
Os Xoves da Capela ofrecen esta noite o concerto dos carballeses Chicharrón
Chicharrón leva seis discos publicados desde a súa fundación, en 2014 | Ánxeles Huerta

Chicharrón, trío de Carballo formado por Alberto Martínez Vecino –guitarra e voz–, Rosalía Fernández Rial –acordeón– e Mara Pérez –percusión e voz–, actúa na noite deste xoves, a partir das 21.00 horas, no Centro Torrente Ballester nunha nova cita dos Xoves da Capela que se reanudan trala paréntese de Semana Santa. 


Os carballeses chegan a Ferrol para presentar os temas do seu sexto disco, que leva por título “O que nos queda por non dicir”, oito cancións que vén a luz no selo local Ferror Records e que demostran a fecunda etapa –é o terceiro traballo noutros tantos anos– que atravesa o terceto. 


Mais a historia de Chicharrón é máis longa, dunha década. Foi o finado Alberto Gende quen lle poría o nome a un proxecto que encetou con Martínez Vecino, que daquela se atopaba inmerso nunha banda que tivo moito éxito os anos anteriores, Franc3s. “Eu tiña composto un disco que lle iamos dedicar como Franc3s”, lembra o guitarrista de Chicharrón, “pero ao final o grupo separouse e eu acabei montando un novo co seu irmán Diego. Mantivemos o nome que propuxera Alberto antes de morrer”, comenta. 


En galego e a gozar 


O que, nun principio, ía ser un único disco-homenaxe a Gende acabou por prolongarse. “Contabamos que fose o único, pero pasámolo guai e decidimos seguir. E este que presentamos en Ferrol é xa o sexto”. 


Coa etiqueta xenérica de pop preséntase hoxe na Capela do Torrente Ballester Chicharrón, un grupo que comezou cantando en castelán pero que leva xa cinco discos coas letras en galego. “Nós falamos en galego e non tiña moito sentido non facer as letras no idioma no que falamos, así que a partir do segundo traballo fixémolas así”, recoñece. 


Seis LP adornan a traxectoria dos carballeses, que seguen apostado polos esquemas clásicos. “Nacimos nos 80 e esta é a nosa cultura musical. Encántanos ese concepto e o formato disco, escoitar vinilos”, apunta o fundador dun trío que seguirá dando que falar “mentres que poidamos gozar do que facemos, mentres sigamos mantendo a paixón pola música”. 

Os Xoves da Capela ofrecen esta noite o concerto dos carballeses Chicharrón

Te puede interesar