O Xan Viaño enxalza o papel da muller na música e a figura dos creadores galegos

O Xan Viaño enxalza o papel da muller na música e a figura dos creadores galegos
A compositora ferrolá Sofía Infante, creadora da banda sonora da película “Elisa e Marcela”, de Coixet, durante a súa charla | j.m.

Máis alá da formación estritamente académica contemplada nos currículos das ensinanzas musicais, o Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol amplía ano tras ano as posibilidades do alumnado de achegarse e profundizar en diferentes aspectos desta arte a través de variadas propostas.

No actual curso académico, o centro embarcouse en dous novos proxectos impulsados desde o Equipo de Convivencia e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, respectivamente.


O primeiro deles, que leva por título “Música Mestra!”, busca dar a coñecer o papel da muller na historia da música así como a gran cantidade de obras de gran calidade compostas por estas.


“As diferencias entre homes e mulleres no mundo da música clásica e da arte en xeral ao longo da historia son abismais, sendo moitas mulleres inxustamente descoñecidas e esquecidas”, salientan desde o equipo.


A iniciativa, enmarcada no programa “Donas de si” do Plan Proxecta da Xunta, pretende aproximar así á comunidade educativa do centro “á figura de mulleres relevantes da música que forman parte da nosa historia e da nosa bagaxe artística e cultural, co fin de cambiar os paradigmas marcados pola desigualdade e os estereotipos de xénero, que lamentablemente aínda prevalecen en moitos ámbitos da música e da sociedade actual”, engaden.


Visibilizar esta obra e “instaurala nas nosas ensinanzas, xa que a práctica totalidade do repertorio que se estuda e que se toca nos conservatorios de música foi escrito por homes”, apuntan, é un dos obxectivos.

“Sen lugar a dúbida, esta música de mulleres merece ser interpretada e ser escoitada, e que mellor xeito de facelo que transmitindo todo ese coñecemento ao noso alumnado, as músicas e os músicos do futuro”, din.


Charla de Sofía Infante

Profesorado de diferentes departamentos e equipos do centro están implicados nunha proposta con numerosas citas no calendario. A última das celebradas ata o momento tivo lugar a pasada semana coa participación da recoñecida compositora ferrolá Sofía Infante, que ademais é profesora no propio Conservatorio ferrolán, no que tamén foi alumna.


A protagonista da xornada compartiu coas persoas asistentes os diversos estilos da súa faceta como compositora, na que salientan as súas creacións para o cine. Intrepretou así, entre outras composicións, a creada para a famosa película “Elisa y Marcela”, da recoñecida directora Isabel Coixet, e a ideada para a curta “Souvenir”.


Outra recoñecida artista da comarca, a cantante cedeiresa Irene Caruncho, subiu tamén ao escenarion xunto a ela para interpretar unha canción creada por Sofía.


Esta compartiu ademais co público interesantes consellos e recomendacións baseados na súa propia 

experiencia para conseguir o soño de ser compositora. “Unha sorte contar no Xan Viaño con esta gran compositora galega, cunha obra incríble e cunha recoñecida traxectoria que non acaba máis que comezar”, salientan desde o equipo de Convivencia.


Cultura galega

No que se refire ao proxecto de innovación educativa en Dinamización Lingüística, artellado baixo a denominación “O galego é música”, ten como obxectivo a promoción da cultura e lingua galegas a través da visibilización dos intérpretes e compositoras e compositores galegos, dos que apenas se programan obras nos auditorios e conservatorios.


“É preciso sacar á luz todo este valioso patrimonio cultural oculto e instauralo nas nosas ensinanzas de música. É necesario manter viva a memoria e a obra dos compositores históricos galegos, así como proxectar ás novas figuras do panorama musical, que forman parte da bagaxe artística e cultural galega, e que lamentablemente moitas veces son descoñecidas e incluso esquecidas”, apuntan desde o centro ferrolán.


Incrementar as accións orientadas a promover o uso do galego entre o alumnado e ofrecerlle unha imaxe actual da lingua, vinculada tanto ás novas tecnoloxías como ao patrimonio artístico cultural do país, é outro dos propósitos dun programa que viaxará pola historia musical desde a Idade Media ata a actualidade.


“O CMUS Xan Viaño conta cunha traxectoria a prol da promoción da nosa lingua e a nosa música e cultura galega, polo que este proxecto vén profundizar e visibilizar un traballo iniciado xa cursos atrás”, indican desde o equipo de dinamización.

O Xan Viaño enxalza o papel da muller na música e a figura dos creadores galegos

Te puede interesar