Voluntarios recollen varios centos de kilos de lixo na comarca na limpeza simultánea “Móllate polos ríos”

Voluntarios recollen varios centos de kilos de lixo na comarca na limpeza simultánea “Móllate polos ríos”
1. Algúns dos voluntarios de Maniños, ao remate da limpeza. 2 e 5. Sofá no Eume e grupo de traballo das Pontes. 3 e 4. Acción no río dos Frades, en Ares | cedidas

A décimo quinta edición da limpeza simultánea de ríos galegos volveu demostrar o treito que aínda queda por percorrer na conciencia medioambiental dunha parte da poboación que considera que a natureza ou a auga son lugares axeitados para desfacerse do que lles sobra. Só nos tres cauces fluviais de Ferrolterra nos que se actuou durante a mañá de onte –no Eume ao seu paso por As Pontes, no Ba (Fene) e no dos Frades (Ares)– recolléronse varios centos de kilos de refugallos procedentes da actividade humana, algúns tan insospeitados como un sofá, uralita, poliespan ou unha botella intacta da antiga fábrica de gasosa Manuel Servia. Ademais, os voluntarios participantes puideron constatar os efectos da seca xa que, sobre todo no caso aresán, chamou a atención a falta de auga.
 

Nas Pontes limpouse un treito do río Eume, nunha actividade promovida por Euroeume, o clube de vela fluvial da localidade e o Concello. Participaron 18 persoas e recolléronse uns cen kilos de refugallos, segundo indican. Entre todo o lixo que atoparon destaca un sofá embarrancado na ribeira.

 

Roupa, uralita ou botellas

En Ares, o voluntariado que participou na iniciativa –organizada pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa Catalina e polo Concello– limpou por sexta vez o río dos Frades, na ponte da Louseira coa estrada que sobe da Palma ao mosteiro. Recolléronse nesta zona 150 kilos de basura, que incluían botellas, olas, trozos de uralita e, sobre todo, subliñan, grandes cantidades de caixas de escuma sintética (poliestireno), así como outros obxectos variados. Como particularidade, atoparon tamén o cranio dun pequeno animal que aventuran que podería ser un raposo. 
 

“O río, sen auga, un pequeno charco”, explican respecto á situación do cauce. Ademais, os canos para o paso da auga estaban tupidos de maleza e lixo. Tamén limparon a mina da auga do mosteiro, que neste caso non acumulaba basura pero que tamén estaba seca. A acción rematou con varios sacos cheos que se deixaron na beira da estrada para a súa recollida polos servizos municipais e cun desexo: “Que non sigan botando basura nese lugar”.
 

En Fene limpouse de novo o río Ba, nunha acción das asociacións Aetna e Betula, tamén coa colaboración municipal. Foron 24 persoas as que se mobilizaron e encheron durante a mañá unha quincena de sacos de lixo. Nas beiras do río atoparon moita roupa tirada, tamén uralita –un material que ademais pode ser perigoso se contén fibras de amianto–, tinas, coadores e todo tipo de basura. Como curiosidade, encontaron tamén unha botella intacta de gasosa Manuel Servia procedente dunha fábrica que houbo en Maniños.

Voluntarios recollen varios centos de kilos de lixo na comarca na limpeza simultánea “Móllate polos ríos”

Te puede interesar