Vidas paralelas con algunha secante (LXXX)

Vidas paralelas con algunha secante (LXXX)
Teatro Linares Rivas da Coruña

No artigo citado, “En col de dous artigos” (A Nosa Terra, 15 de decembro de 1922), Federico Zamora, ao fío do manifestado por Peña Novo e por Leandro Carré, facía unha breve historia do percorrido do nacionalismo desde a fundación da Irmandades da Fala, que comezaran unha “varuda campaña” de “esaltación do idioma e costumes galegas” e que máis tarde, na Asemblea de Lugo “fixeron os verdadeiros cimentos, as pilastras, sobre as que debíanse fundamentar e rexir as Irmandades da Fala”. Logo viría a “xuntanza de Monforte -que eu non quero chamarlle asambreia- digna de mellor sorte, e na que por fertuna pra nós, fíxose o milagre de poder arredarnos de aqueles a quen nos dabamoslle sombra”. Engade que eses acordos “que nos non acatamos” a I.N.G. ¡inda non-os deu imprentados!”. Pola contra, as Irmandades da Fala seguiron o seu camiño levando sempre por bandeira o programa de Lugo. E tiñan máis irmáns e máis azos para loitar que nunca. Segundo el, o movimento podíase chamar:
“I Nacionalismo cubista (coido que isto do cubismo aínda non está claro). II Nacionalismo clásico (está esto claro)”.
Sen dúbida, toda unha aclaración do movemento irmandiño no final do ano 1922. Era evidente o arredamento do que falaba Zamora e a proba máis evidente era o feito de que a Irmandade da Fala coruñesa fixera caso omiso do acordo da Asemblea de Monforte de que o funcionamento do boletín A Nosa Terra dependese do Conselleiro Supremo da I.N.G. Non houbera tal. Os coruñeses seguiron editándoo ao seu xeito, como se nada diso tivese acontecido.
Como oportunamente lembraba o boletín no artigo “14 de Novembro de 1916”, aparecido na primeira plana do número de 15 de novembro de 1922, cumprírase o sexto aniversario d’A Nosa Terra, “seis anos convertindo aos ‘escuros e imbéciles’ en ‘bos e xenerosos’. ¡Cántas ledicias e cántas tristuras en todo ese tempo!”. Xa con palabras menos agresivas e/ou insultantes o artigo lembra como naquela data “Un fato de homes bós, de galegos nobres fundara este boletín o mesmo que pouco denantes fundaran a primeira ‘Irmandade’, a da Coruña”. Recorda, así mesmo, que nas súas páxinas “están como sagrada reliquia as conclusiós das asambreias nacionalistas celebradas, ¡aquela grandiosa de Lugo, que foi a primeira pedra da Gran Obra!”. E dicían ben, xa que as páxinas d’A Nosa Terra, malia os seus responsables non estaren de acordo de con elas, tamén recolleron as conclusións da IV Asemblea celebrada en Monforte. O texto conmemorativo e recordatorio finalizaba: “Os que sostemos A NOSA TERRA, confiados no noso entusiasmo, saberemos darlle longa vida, xá que n’ela temos postos os nosos amores. ¡Terra a Nosa!”.
Nin que dicir ten que non hai nin a máis mínima referencia a Villar Ponte, que fora peza fundamental tanto na posta en marcha das Irmandades como do xornal, mais tampouco se cita outro nome ningún. Fálase dun conxunto de persoas, porque verdadeiramente foran empresas colectivas. En calquera caso, se as circunstancias fosen outras...
Unha secante foi a participación de afiliados a ambas as Irmandades nun acto celebrado na Coruña en honor das vítimas de Sobredo.
O 28 de novembro de 1922, na parroquia de Guillarei, morreran tres persoas e outras sete resultaran feridas de bala a causa dos disparos da Garda Civil cando intentaba disolver unha grande concentración labrega de apoio a un veciño de Sobredo a quen lle querían embargar os bens por negarse a pagar o foro.
Axiña, a Irmandade da Fala coruñesa, contando co “mais entusiasta apoyo” da Federación Provincial Agraria, que presidía García Acuña, o director de El Noroeste, decidiu organizar un grande mitin no coruñés teatro Linares Rivas, “o mais amplio local desta cibdade”, a celebrar o día 3 de decembro. Como se ve con moi escaso tempo. Mais fíxose. A Nosa Terra de 15 de decembro informaba amplamente do acto na crónica “A protesta da irmandade / O grandioso mitin da Coruña”. O autor do texto destacaba, naturalmente, que a iniciativa fora da Irmandade, mais indicaba tamén que “con orgulo patriótico temos que dicir que non foi un mitin da Irmandade, sinon un mitin de Galicia enteira”. A continuación, o cronista daba conta da acollida da convocatoria: “O teatro Linares Rivas, o meirande de Galicia, era incapaz para tanta xente, que se desbordaba por todol-os recunchos e pasillos”. Ademais da Irmandade, estaban representadas máis de trinta sociedades agrarias, así como a Confederación Regional Agraria e a Irmandade Nazonalista Galega. Tamén, a pesar de que o mitin só puidera ter sido anunciado tres días antes, houbera moitas adhesións. Segundo recolle El Ideal Gallego -”Los sucesos de Tuy / En La Coruña / El mitin de la ‘Irmandade da Fala’”-, do martes 5 de decembro, léronse as dos “señores Portela Valladares, Risco, Banet Fontenla, Quintanilla, Castelao, Emiliano Iglesias y Basilio Álvarez”.
O acto estivo presidido polo presidente da Irmandade da Fala da Coruña, Johán Vicente Viqueira, que foi quen iniciou os discursos explicando a finalidade do mitin. Seguírono no uso da palabra Alfonso de Cal, abogado, redactor de El Ideal Gallego e loitador agrario; Peña Novo, concellal nacionalista coruñés; Martín Martínez, segredario do Concello da Coruña e directivo do Circo de Artesáns; Quintanilla, en representación da I.N.G.; Lugrís Freire; Rodríguez Culebras, profesor da Universidade, delegado da Confederación Regional Agraria; García Acuña, director de El Noroeste e presidente da
Federación Provincial Agraria, como xa dixen, e, finalmente, volveu intervir Viqueira para facer un resumo dos discursos e acabar as dúas horas e media -entre as 11 e as 13,30- do acto ao berro de “¡Viva Galicia Libre!”, que “foi unanimemente contestado”. Nin que dicir ten que os diarios ao uso nada dixeron deste grito.
Nesa parte final procedeuse á lectura das conclusións “que o púbrico ovacionou posto en pé” e que, a continuación, serían levadas ao Goberno civil por unha comisión.
As oito conclusións eran:
1ª Reclamar do Goberno a inmediata liberdade dos labregos detidos.
2ª Suspensión inmediata dos embargos por fato de pago das rendas forais.
3ª Destitución do xuíz e do tenente da Garda Civil que interviron nos sucesos, así como as dos gobernadores civís de Ourense e Pontevedra.
4ª Reclamar ao presidente do Consello de ministros que non volvan selo os dimitidos de Gobernación e Graza e Xustiza.
6ª Pedir ao Goberno a apertura dunha información sumarial para esixir responsabilidades penais a todas as autoridades que interviñeran nos sucesos.
7ª Resolución uuurxente do problema dos foros coa súa abolición.
8ª Reclamar a supresión das Deputacións como organismos inútiles e crear un único Poder Galego.
Abriuse, ademais, unha subscrición popular na Irmandade e en El Noroeste para axudar ás familias das vítimas e aos labregos expropiados.
Días máis tarde, o Concello da Coruña, a proposta de Peña Novo, acordou por unanimidade protestar contra os sucesos e pedir a depuración de responsabilidades, acordo que foi telegrafado ao Goberno polo alcalde.

Vidas paralelas con algunha secante (LXXX)

Te puede interesar