Unha obra sobre a miss España Emilia Docet abre a terceira semana do Singular

"Yo soy Fedra" e a peza infantil "Maruxiña" completan o cartel da fin de semana
Unha obra sobre a miss España Emilia Docet abre a terceira semana do Singular
A novena edición do festival abriuse con "Poncia", protagonizada por Lolita Flores I D. Alexandre

"Miss Docet", unha peza de teatro documental da Compañía Eléctrica dirixida por Vanesa Sotelo e protagonizada por Iria Pinheiro, abre este venres, ás 20.30 horas, a terceira semana do Festival Singular do monólogo teatral no Pazo da Cultura de Narón. A obra aborda a figura de Emilia Docet, a viguesa que fora elixida en 1933 Señorita España, que era o nome co que daquela se chamaba este certame de beleza. Docet, falecida en 1995, era familiar de Xosé Núñez Búa, fundador do Partido Galeguista, formación coa que simpatizaba. Os gañadores da Guerra Civil silenciárona e nesta obra Compañía Eléctrica reivindica a súa figura. 

 

O sábado, a actuación programada dará comezo media hora antes, ás 20.00. Noelia Campo é a protagonista de "Yo soy Fedra", da compañía uruguaia Teatro La Morena. A peza, unha mostra de teatro inmersivo, está dirixida por Marianella Morena. 

 

A terceira e penúltima fin de semana do Festival Singular péchase o domingo ás 18.00 horas no Café-Teatro, onde se representará "Maruxiña", a adaptación que Aurora Artes Escénicas fai do clásico de Hans Christian Andersen "Polgariña". Juan Rodríguez e Laura Sarasola dirixen esta versión que inclúe música en directo. A obra está pensada para maiores de 5 anos. 

 

As entradas para asistir aos tres espectáculos poden mercarse na billeteira do Pazo no seu horario habitual, é dicir, de luns a sábado de 9.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas, ou a través da web www.padroadodecultura.es. 

Unha obra sobre a miss España Emilia Docet abre a terceira semana do Singular

Te puede interesar