Trikitrí | “Xa estamos empezando a cavilar no que podemos facer para o vindeiro ano en Ortigueira”

Trikitrí | “Xa estamos empezando a cavilar no que podemos facer para o vindeiro ano en Ortigueira”
Os catro integrantes da formación fenesa Trikitrí no concerto ofrecido o pasado mércores na final do certame Runas

Aínda sorprendidos pola resolución do xurado, que os converteu nunha das tres bandas gañadoras do certame Runas para novos valores do folk –o que lles permitirá formar parte do cartel da vindeira edición do Festival Internacional do Mundo Celta–, os catro integrantes do grupo fenés Trikitrí están xa a pensar no que van facer para sorprender en 2023 aos asistentes do emblemático festival de Ortigueira.


Precisamente como público viñan gozando de cada nova edición do festival estes catro músicos ata que este ano mudaron de posición ao subir por primeira vez ao escenario como finalistas do devandito certame, no seu caso correspontende á edición de 2021 –que non se puido celebrar o pasado ano por mor da pandemia, como ocurriu tamén cos tres elixidos de 2020–. “Aínda estamos a dixerir a cousa. Sorprendeunos moito. Nolo comunicaron o venres, precisamente cando estaba a aparcar en Ortigueira, para asistir ao festival. A verdade é que non temos palabras. O ano pasado, case no último instante, animámonos a presentarnos ao Runas”, conta Alberto Maceiras (gaita electrónica), integrante da banda xunto a Óscar Alfonso (trikitixa), Óscar Painceiras (guitarra acústica) e Alberto Romero (caixón e outras percusións).

 

“Para nós, o Mundo Celta de Ortigueira é como o festival da casa, por proximidade, mais tamén o festival de festivais, xa que é o máis importante do sur de Europa”, di Alberto Maceiras

 

 


O obxectivo da formación pasaba por tentar estar entre os dez seleccionados da primeira fase, o que se traduciría en que a organización puxese a súa maqueta na web do festival e iso lles permitise achegar a súa música a máis xente. “Con isto xa estabamos contentísimos”, salienta. Pero a cousa foi a máis. Seleccionados entre os tres finalistas da súa edición, o pasado mércores actuaban no escenario Estrella Galicia nunha final da que tamén formaban parte Germán Ruiz e Groovy Celtic Band, resultando finalmente eles como gañadores. Os escoceses Holiday Club (2020) e os madrileños Jesús del Castillo (2022) foron os gañadores das súas respectivas edicións.


“Para nós Ortigueira é como o festival da casa, por proximidade, máis tamén é o festival de festivais, xa que é o maior evento de folk do sur de Europa”, destaca Maceiras. “O ano pasado, cando nos comunicaron que eramos finalistas, como non había festival, tivemos un ano para preparar a actuación; e agora tamén. Xa comentamos os catro que temos un ano por diante para tentar facer algo espectacular para a vindeira edición, xa estamos empezando a cavilar que podemos facer. Esperamos organizar algo bo”, di. Trikitrí naceu hai pouco máis de dous anos, cando Óscar Alfonso (acordeonista), comezou a tocar a trikitixa (acordeón diatónico vasco) e a experimentar este son con outros como o caixón e as gaitas. Foi implicando así aos outros tres músicos, todos feneses, que foran pasando por outras formacións, e que acabaron xuntándose neste novo proxecto. 

Trikitrí | “Xa estamos empezando a cavilar no que podemos facer para o vindeiro ano en Ortigueira”

Te puede interesar