Un tobogán acuático xigante fará as delicias do público infantil na vila de Mugardos

Un tobogán acuático xigante fará as delicias do público infantil na vila de Mugardos
Imaxe do espectáculo ofrecido por Gazafelhos o pasado domingo

As Festas de Verán de Mugardos volven prestar este ano especial atención ao público infantil. Unha das propostas pensadas para os máis pequenos da casa e que de seguro atraerá a moita xente o domingo á vila é o tobogán acuático xigante que funcionará, de forma totalmente gratuíta, desde as 16.00 ata as 20.00 horas.

Os nenos e nenas deberán ir con traxe de baño para escorregar pola rampla de máis de 70 metros de lonxitude e caer na piscina inchable que se instalará ao final. A atracción estará no Peteiro e, como o resto dos espectáculos e actividades das festas, será de acceso libre.


Hoxe, pola súa banda, será a quenda para o espectáculo “Circo á feira” da compañía Pistacatro, pioneira en Galicia na posta en marcha de funcións de cabaré e de novo circo. Aéreos, acrobacias, clown, teatro e malabares serán os principais ingredientes da proposta que ás 19.30 horas dará comezo na Praza do Concello.


A programación para o público familiar foi inaugurada o pasado domingo cunha peza do grupo Gazafelhos, aos que onte sucederon os integrantes de Teatro Calavera para achegar ao público a súa obra “Festa pirata na Illa Calavera”.

Un tobogán acuático xigante fará as delicias do público infantil na vila de Mugardos

Te puede interesar