The Teacher | O que agochan as formas

Bauhaus, construtivismo e Saradelos, por Suso Basterrechea
The Teacher | O que agochan as formas
Unha peza de Sargadelos sobre o sector naval I Jorge Meis

Hai xa un tempo que fun ao cinema para ver ese estupendo filme que é The Brutalist. Baixo a historia persoal dun arquitecto ficticio, pero inspirado en varios personaxes reais, agóchase un fondo cultural moi interesante e desolador. Coa chegada, despois da II Guerra Mundial, de numerosos artistas e intelectuais europeos á nova potencia, USA, e a un capitalismo que xa se empezaba a converter no que hoxe é, determinados movementos ou escolas xurdidos no vello continente, do estilo da Bauhaus ou o constructivismo, foron manipulados e desapareceu todo o idealismo que representaba a base ética e estética do seu traballo. Seguiron producindo espléndidas obras, pero en boa medida perderon a alma.


Sempre se di que a arte é filla do seu tempo, e é certo. Nunha Europa de entreguerras, abatida no físico e no moral, xurdiu a necesidade de construír un mundo mellor. Os creadores puxéronse ao choio e foron capaces de supeditar o seu traballo individual a un ben común máis urxente. A intelixente unión de talento artístico e fabricación industrial semellaba un bo camiño para democratizar a beleza. Dignificar a imaxe daqueles obxectos que nos acompañan de forma cotiá é un xeito directo de mellorar as condicións de vida da poboación. Se, ademais, se trataba de abarcar sectores da sociedade que ata ese momento parecían alleos e apartados de calquera aspiración plástica, xa estamos a falar dunha auténtica revolución. 

 

Quen participamos dun xeito ou doutro do que significou culturalmente Sargadelos, sabemos que leva tempo enterrado 


Daquela, como agora, era moito máis fácil impoñer o medo, o odio, a vinganza ou sentimentos básicos de pertenza a unha raza ou nación, así que dita utopía viuse esmagada pola irrupción de realidades terribles como o nazismo, o fascismo ou o estalinismo. Todo aquilo rematou en millóns de mortos e un conflito global que, coa súa conclusión, nos deixou outra confrontación de décadas denominada “Guerra Fría”. Malos tempos para a lírica; nese ambiente asfixiante non hai espazo para a poesía.


A arte tamén é unha arma cargada de futuro, pero na metade do século XX o contido político inherente á acción cultural mostrounos a súa peor faciana. Na tensión mantida entre o xigante norteamericano e a Unión Soviética, a creación plástica tivo o seu espazo. Hai bastantes evidencias de que a propia CIA estivo detrás do impulso internacional proporcionado a ese marabilloso núcleo de artistas agrupados baixo a denominación de “expresionismo abstracto”. Pollock, Rothko ou Willem de Kooning eran a punta de lanza que representaba unha idea de liberdade que se confrontaba con esas representacións de nenos gordiños e traballadores felices que nos mostraba o camarada Stalin e os seus sucesores como o éxito do seu réxime. Antes de impoñer este “realismo socialista” tiveron que eliminar os construtivistas, auténticos creadores e difusores da imaxe do movemento revolucionario bolxevique. Algo concibido como unha ferramenta de construción dunha nova e mellor sociedade foi acusado de excesivamente formal e practicamente prohibido na URSS.


Mentres todo isto sucedía, Isaac Díaz Pardo, cun pé en Galicia e outro no exilio, onde se atopaba boa parte da intelectualidade do país fuxindo do franquismo, empezaba a imaxinar para a nosa terra algo similar a esas ideas plásticas transformadoras.

 

A intelixente unión de talento artístico e fabricación industrial semellaba un bo camiño para democratizar a beleza


Sargadelos era unha fábrica de cerámica que desenvolveu a súa actividade no século XIX. Desde ese punto de partida preténdese construír ou impulsar todo un universo cultural. Desenvolvemento dunha nova plástica vangardista saída do estudo de Laboratorio de Formas, proxectos editoriais ou museos eran parte desa realidade. Novamente, o talento individual ao servizo dun obxectivo colectivo. Outra vez a unión de procesos case industriais e a creatividade dos nosos máis destacados artistas. Un proxecto ambicioso, pero certo, que engloba aspectos moi diversos e que ademais incorpora espazos para a distribución e exhibición de arte ou literatura. Un lugar de encontro, de conferencias, presentacións e de todo tipo de manifestacións do noso pulso social. Todo un torrente de vitalidade, un oasis nun tempo onde todo parecía un interminable deserto.


Os que dunha maneira ou outra participamos, aínda da forma máis modesta, do que significou culturalmente Sargadelos, sabemos perfectamente que, como tal, leva tempo enterrado e o que parece especialmente triste é que agora se utilice ese legado nunha batalla de intereses económicos, un ariete contra os dereitos laborais máis básicos de traballadoras ou traballadores.


Tanta paixón intelectual non merece acabar definitivamente dunha forma tan absurda. É necesario preservar a memoria e conservar, dar continuidade, a unhas imaxes coas que sentimos plenamente identificados e que teñen a enorme virtude de formar xa parte do noso imaxinario colectivo.


En ocasións non é necesario viaxar a outro continente para saber que os tempos están a cambiar. Se nos nosos principios, se nos sinais da época, nos parece percibir que a arte se converte nun cascarón baleiro, se a inauguración dunha exposición se converte nun evento social, aposten polas croquetas no cátering, son un valor seguro e sempre sairán co estómago cheo. 

The Teacher | O que agochan as formas

Te puede interesar