Tanxugueiras | “A música galega precisa ser máis visible nos medios do noso país”

Tanxugueiras | “A música galega precisa ser máis visible nos medios do noso país”
Diario de Ferrol-2019-08-25-013-c3856fcf

Xusto despois dos Amigos dos Músicos, que subirán ao escenario ás nove, Tanxugueiras actúa hoxe na praza de Amboaxe ás 22.30 horas. É un dos fenómenos musicais galegos do momento, co seu particular xeito de entender o mundo da pandeireta e do baile.

Formaron o grupo hai pouco tempo (2016), mais o éxito chegou axiña. Agardaban esta acollida por parte do público? 

Tanxugueiras fíxose sen pretensión de chegar a ningún sitio, simplemente queriamos desfrutar da música tradicional e das nosas festas. Nunca pensamos que isto chegaría a este punto.

Como definirían a súa proposta musical e en que se diferencia dous proxectos de pandereteiras galegas?

A proposta musical é facer o que nos apeteza en cada momento sen complexos e respectando as raíces da música tradicional. Non hai un proxecto igual a outro, todos teñen as súas peculiaridades que os fan únicos.

Cando decidiron xuntar os seus talentos para crear o grupo?

Coñecémonos nun serán e dende o primeiro momento vimos que as nosas voces compaxinaban á perfección e decidimos montar o grupo para participar nos seráns.

Teñen actuado en moitos concellos de Galicia e tamén no exterior. Que foi o que as levou a Escocia?

O que nos levou a Escocia foi practicamente casualidade. A Banda das Crechas necesitaba alguén que puxera voz á súa música para o Celtic Connections, e resulta que fomos nós. A partir de aí, repetimos no festival tres anos seguidos xa como Tanxugueiras.

O seu primeiro disco está tendo unha grande aceptación. Están traballando no segundo?

Neste momento estamos a traballar no segundo disco, sen medos e sen complexos. Será un disco no que tomamos moitas máis responsabilidades a todos os niveis (produción, composición...) que no anterior.

A maior parte do seu repertorio é música tradicional, mais teñen feito incursións noutros estilos. É posible artellar un produto que combinen dous conceptos como tradición e modernidade?

Lévase conxugando a tradición coa modernidade dende fai moito tempo. O que si cremos é que a nosa música necesita máis visibilidade nos medios do noso país, pois atópase ao mesmo nivel que o resto dos estilos. A tradición non pode quedar estancada, por suposto que debe evolucionar e incluso seguir creando pezas que dentro duns anos serán tradición.

Cales son os seus referentes?

Primeiramente, todas as mulleres que deixaron o legado das nosas raíces. Somos rapazas do noso tempo que escoitamos todo tipo de música; mentres sexan de calidade, todo é un bo referente para nós.

Como valoran o panorama actual da música en Galicia?

Valoramos que non esta valorado. A música tradicional está a vivir un momento moi doce, o problema é que os medios de comunicación non se fan eco na medida que deberan.

Tanxugueiras | “A música galega precisa ser máis visible nos medios do noso país”

Te puede interesar