O techno rexorde en Ferrol e iso débese en boa medida ao labor do colectivo Mar de Fondo Clubbing, creado hai un ano e medio co obxectivo de “transformar a paisaxe da música electrónica” na cidade a través da organización de eventos cos que ofrecer opcións aos apaixoados dun xénero que viviu momentos gloriosos na década dos 90, principalmente.
Mar de Fondo principia hoxe venres a súa segunda tempada mudando de “residencia”. Así, a sala La Room acollerá esta presentación que arrinca na medianoite e que inclúe as sesións de Danielo, Ben Saa, Obseth e Iván Rbera. O prezo da entrada é de seis euros.
A portavoz do colectivo, Tamara Cabrejo, explica que, cando se creou, a intención era reverter a situación na cidade naval. “Non había nada de techno aquí. Eu non son ferrolá, pero vivo aquí desde hai cinco anos, e ao principio non atopaba onde bailar”. A oportunidade, froito da súa insistencia, chegoulle na Sala Ruído, cando os seus responsables lle ofreceron organizar un evento. “Dixen que si, porque eu sabía que había xente que lle gustaba e que quería crear comunidade”.
O éxito foi inmediato e, apunta Cabrejo, “a cada sesión viña máis xente”. Organizaron en Canido ao aire libre, atrevéronse a saír das fronteiras ferrolterrás cara á Coruña e até lograron traer a Ferrol a toda unha figura, Aida Blanco.
As metas estanse, polo tanto, cumprindo. “Queremos facer que Ferrol sexa un dos referentes do techno en Galicia”, di Tamara, que destaca “os artistazos que son os djs de Ferrol: hai moito talento e sabía que se o aproveitabamos, isto rexurdiría” e achegaría á cidade a aquela “escena techno tan potente que, dinme, tiña Ferrol hai un par de décadas”. l