A Casa da Cultura de San Sadurniño acollerá este sábado, a partir das 18.00 horas, a estrea das curtametraxes realizadas por 33 persoas na última edición do Chanfaina Lab, un encontro audiovisual xa moi consolidado e que a finais do pasado ano reuniu en San Sadurniño a creadores tanto da zona como doutros lugares.
Desta volta, serán trinta as pezas a proxectar. Todas elas achegan unha ollada sobre o municipio desde diferentes ópticas, como a historia, a ficción, o documental, o humor, etc. Será unha sesión de máis tres horas de duración, que estará dividida en tres partes. “Este ano decidimos chamarlle á estrea ‘maratón’ porque será iso, unha sesión maratoniana de curtametraxes que estará dividida en tres bloques. Iso facilitará que o público poida incorporarse á proxección para ver a peza que máis lle interesa”, comenta Carmen Suárez, unha das encargadas da organización.
Así, os pases, totalmente gratuítos, terán lugar no seguinte horario: de 18.30 a 19.45 horas; de 20.00 a 21.15 horas; e de 21.30 a 22.30 horas. A sesión estará conducida este ano polo actor Miguel de Lira.
Trala estrea do sábado na Casa da Cultura, as curtas irán subíndose de venres en venres á canle de youtube de Fálame de Sadurniño e moitas delas tamén acudirán a distintos certames audiovisuais, tal e como se avanzou.