jueves 3/12/20

Serxio Perille | “Anuncios nos medios hai moitos, pero ningún no DOG nin no BOP”

portavoz de haf Ás 12.00 horas de hoxe a Praza de Armas acollerá unha concentración convocada polo colectivo Hostaleiros e Autónomos Ferrolterra para pedir solucións
Perille asegura que o sector non pode agardar máis | d. alexandre
Perille asegura que o sector non pode agardar máis | d. alexandre

Serxio Perille, portavoz do colectivo Hostaleiros e Autónomos Ferrolterra, urxe ás Administracións a compensar ao sector da hostalería polo peche dos establecementos. Hoxe volven á rúa.

Algún cambio estes días?

Ningún. Á marxe dos anuncios nos medios de comunicación, non hai ningún tipo de axuda publicada nin no DOG nin no BOP. Nós non deixamos de traballar por gusto, pechounos a Xunta, temos os nosos negocios e non podemos mantelos nestas circunstancias sen unha axuda.

Aínda que o peche é da Xunta, que lle reclaman ao Concello?

O luns recibiunos o BNG, que son os únicos que a día de hoxe se reuniron con nós. Trasladámoslles as nosas demandas, como que o Concello non nos cobre as taxas con carácter retroactivo desde marzo. A orde de peche é da Xunta e o queremos é que os Concellos fagan de intermediarios.

No último pleno aprobáronse varias medidas, como a exención da taxa de terrazas. Como as valora?

Paréceme moi ben tendo un carácter retroactivo, insisto. Pero tamén é importante que se axilicen os trámites. Por exemplo, levo desde xuño coa documentación presentada para poder instalar unha terraza. O problema témolo non só desde o peche, senón de todos estes meses pasados. Hai negocios pequenos aos que cando se lles prohibe utilizar a barra mátalos. Cada negocio é un problema concreto, depende de se ten terraza, comedor, cociña... Sobre a redución do IBI, está ben, pero non é significativo en comparación cos alugueres.

Haberá moitos negocios que non podan volver abrir?

É que a día de hoxe xa hai negocios que non van volver abrir e, de feito, xa o anunciaron. Xa na primeira ola moitos tiveron que recorrer aos préstamos ICO. A min mantelo coa porta pechada suponme máis de 2.000 euros.

Hai unidade no sector?

Ao principio houbo un pequeno silencio por parte da asociación maioritaria e decidimos impulsar este grupo, pero xa falamos e estamos todos na mesma loita, e non só a hostalaría, senón outras actividades, como as floristerías, proveedores, repartidores, etc.

Comentarios