O San Xoán 2025 chega a Ferrol, Eume e Ortegal antes da noite meiga

As xuntanzas máis veteranas, como as de Esteiro, Caranza ou Esmelle, manteñen a celebración o luns
O San Xoán 2025 chega a Ferrol, Eume e Ortegal antes da noite meiga
Lumieira a piques de prender no barrio de Esteiro, coma sempre obra de Leopoldo Díaz | EMILIO CORTIZAS

Era de esperar que unha das tradicións máis arraigadas de Galicia se celebrara por todos os concellos de Ferrolterra, nalgúns casos con festas variadas e noutros con encontros de familias e amigos que prefiren un San Xoán máis íntimo. Segundo o municipio no que teñan lugar, deberán solicitar permiso para prender o lume que asegure un 2026 no que “non trabe nin cobra nin can”.


A maior parte dos Concellos veñen de publicar os seus correspondentes bandos municipais coas normativas que rexerán este ano, algunhas, como as de Ferrol e Cariño, estipulando que non se precisa notificar ou obter autorización, sempre que se cumpran os requisitos de seguridade.

 

1 Celebracións do solsticio pola comarca de Ferrol

Unha das que non podían faltar na cidade é a veterana xuntanza que organiza a AVV de Esteiro en colaboración co Concello de Ferrol polo día de San Xoán. Na parcela do 1008 volverá acenderse a gran lumieira da que leva ocupándose décadas Leopoldo Díaz, coñecido no barrio como Poldo, que en cada edición se esmera por preparar o túnel para prender os fogos de artificio. Ademais, co apoio do café bar La Bohème, na rúa Mendizábal, a asociación propón unha sardiñada que comezará arredor das 19.30 horas.


Outra cita que adoita reunir a unha boa parte da poboación é a lumeirada que organiza a asociación sociocultural A Revolta de Trasancos no terreo anexo ao espigón e ao parque da praia de Caranza. Coma sempre, instalarase unha barra de bebidas e ofreceranse os típicos manxares á grella a prezos populares, sen faltar por suposto, a gran lumeirada.

 

A AVV de Caranza adiántase para propoñer unha sardiñada popular gratis para os socios, e a tres euros para o resto, o sábado ás 20.00 na zona do centro cívico. Neste caso será a música de Paadal Rock a que amenizará o encontro, no que colabora a Autoridad Portuaria e o Concello. Así mesmo, o vindeiro venres 27 continuará a celebración do solsticio con máis sardiñas, a partir das 19.30 horas, no SCRD Ferrándiz.


No centro cívico de Canido, Artábria, a asociación veciñal e Muíño do Vento propoñen na xornada do luns unha grellada composta por chourizos, liscos e espetos veganos, que se servirán dende as 18.30. O concerto de Brixta comezará ás 20.00, Treboada en Canido ás 22.00 e o a lumieira prenderase ás 23.00.


Onde realizan unha boa benvida á noite máis curta do ano é no barrio de San Xoán de Filgueira, que dende hoxe celebra o seu patrón. Este luns comezará cunha gran sardiñada, ás 19.00, amenizada coa variedade do repertorio que propoñen ao longo da noite A Roda, Calibre, Panamá e a batucada Tambukda. A medianoite acenderase a lumieira, prenderase a bruxa xigante e ofrecerase queimada con conxuro.


Pola contra, o cartel do San Xoán de Esmelle comeza o luns ás 22.00 horas coa festa tradicional, animada por Susana Adalid, na que non faltará lumieira nin liscos e chourizos. Ademais, a Xunta Veciñal de Doniños propón achegarse o mesmo día ao local, dende as 20.00, para unha celebración que contará coa actuación de Jorge Latino.


En Narón son pioneiros ao celebrar hoxe mesmo unha nova edición do San Xoán de Cedo no centro cívico social de Sedes, organizado pola asociación cultural Vai Rañala Meu! en colaboración coa AVV Rosa dos Ventos. O encontro, que comezará ás 18.00 horas cos xogos populares para todo tipo de públicos, contará coas melodías tradicionais da Banda de Gaitas do Ortegal (20.30) e co concerto dos Carecos (22.00). Ás 21.00 está prevista a churrascada e ás 23.30 a lumeirada, e durante toda a noite haberá sorteos de agasallos.


O propio luns 23, a partir das 21.00, a AV Altea prepara o San Xoán en Xuvia no espazo do antigo cuartel da Guardia Civil, na estrada de Castela. Para cear haberá liscos, chourizo e pan con desconto para socios, mentres que a música correrá a cargo dos Jarabetas. Para saltar a lumieira haberá que agardar ás 23.00.


Tanto para San Xoán como para San Pedro, o Concello de Fene comunica que o prazo para a comunicación de fogueiras, tanto en terreos públicos coma privados, remata hoxe ás 14.00. En Neda, só será precisa autorización para as lumieiras en zonas de dominio público, para o que se establece un prazo que remata hoxe, incluíndo este mesmo día. As cacharelas en espazos públicos quedan expresamente prohibidas no concello de Valdoviño, onde o prazo para solicitar o prendido de fogueiras en San Xoán remata hoxe á 13.00.


A SCRD San Xoán de Piñeiro centrará o festexo en Mugardos o luns, cunha churrascada a partir das 21.00 horas, lumeirada, fogos artificiais, hinchables para os nenos e despois das 23.30, actuación musical a cargo de Álex.


Un dos núcleos onde se concentra maior cantidade de xuntanzas é Cedeira, que comeza celebrando o San Xoán este sábado co preludio do II Festival de Rondallas. Arredor das 21.30 comezará a festa da AVV de Regoa, que incluirá sardiñas, churrasco e queimada baixo unha carpa, dende as 22.30. Este mesmo día tamén haberá unha cena con música en directo no local de Tarroiba. Para tematar, a AVV de San Román organiza unha ch­urrascada, neste caso para o próximo sábado 28, aínda que hai que apuntarse antes do 24.


As Somozas celebra por segundo ano a gran noite meiga do 23, a partir das 20.00 horas, na área recreativa do Carballo. Na cita haberá actividades de animación infantil, sardiñada popular, cacharela e unha queimada para toda a veciñanza. Ademais, actuarán Os Piñeiros Band e The Fabulous Fran Fairlane DJ.


En San Sadurniño, este luns celébrase o San Xoán na ACRD Santa Mariña do Monte: ás 18.30 coas cantareiras As Caldupeiras e ás 20.00 comezará a cea. No concello veciño de Moeche terá lugar o mesmo día no local social O Pereiro, con música en vivo.

 

2 O San Xoán na comarca do Eume

As Pontes acolle unha festa con atractivos para todos os públicos o propio luns, a partir das 19.00, no espazo do Canal IV. Os máis pequenos poderán entreterse con teatro, obradoiros e o espectáculo de rúa participativo “Pola Noite de San Xoán, meigas veñen, meigas van”, que mestura música, baile, xogos e humor. Ás 20.30  comezará o tradicional xantar, con dúas opcións de menú, e ás 22.00 a actuación da orquestra La Banda de Ayer. Antes do seu segundo pase, a medianoite acenderase a lumieira e tiraranse fogos de artificio.


Hoxe ás 14.00 remata o prazo para comunicar ou solicitar a intención de facer fogueiras entre as datas de San Xoán e San Pedro en Pontedeume. A comisión de festas das Peras propón a celebración o domingo, a partir das 20.00 no parque Sarmiento, cunha sardiñada e música en directo, ás 22.00, de Pablo Balseiro.


Unha das citas referentes para moitos é a festa na praia da Magdalena de Cabanas, que durante a noite do luns volverá alumearse coas fogueiras dos particulares. O Concello da Capela aínda ten aberto hoxe o prazo de solicitude para os os lumes até as 12.00.

 

3 Unha noite meiga polo Ortegal

En Ortigueira celébrase dende hoxe o San Xoán na parroquia de Espasante, con música de verbena durante toda a fin de semana e o luns, a partir das 20.00 horas, terá lugar a xira campestre amenizada polo grupo tradicional Gamelas e Anduriñas. Couzadoiro tamén festexa a noite meiga, as 21.00 cunha cea e música no centro cultural O Noso Lar.


Ademais, no teleclub Vila de Bares, no concello de Mañón, a comisión de festas convoca unha sardiñada, con moitos máis atractivos no menú como a queimada a medianoite, música e por suposto, lume novo para saltar como marca a tradición. 

O San Xoán 2025 chega a Ferrol, Eume e Ortegal antes da noite meiga

Te puede interesar