Reportaxe | A exposición de Gilotxo vese este mes no Taller de Arte Comeluz das Pontes

Reportaxe | A exposición de Gilotxo vese este mes no Taller de Arte Comeluz das Pontes
O artista durante a presentación da exposición no Taller de Arte Comeluz | cedida

Gilotxo é o nome artístico que identifica a Francisco Xabier Gil Vázquez, un pintor ferrolano que realiza obras a spray en pequeno formato. Desde o día 4 e durante todo o mes de setembro, de 17.00 a 20.00 horas, pódese visitar a súa exposición no Taller de Arte Comeluz, nas Pontes, que ademais está ambientada musicalmente.


“Levo dous anos facendo isto, aprendo e melloro cada día, así que quería mostrar as cousas que até agora podo crear”, afirma o artista. Así pois, na mostra pódese ver unha selección de todas as súas obras, que dan unha idea global do traballo que realiza. 
Á marxe do spray, combina este formato coa aplicación de distintas técnicas como o arrastre de pintura con paletas ou o uso de materiais como papeis ou plásticos para dar moitas das texturas que teñen as creacións.


Algunhas das bandas sonoras que soan na exposición veñen da man de artistas como Magical Colors Band, Antón ke, El Noi del Riddim, XeRoots ou Manu Fusta. Os grupos seleccionados están formados por persoas que realizan proxectos autoxestionados, “que fan traballos estupendos e marabillosos, que non teñen toda esa maquinaria que hai detrás do mundo da música”, explicou Gil.


Asimesmo, o artista é autodidacta e os seus comezos tamén partiron da publicación dunha serie de vídeos curtos na canle que ten na plataforma Youtube, “Gilotxo Pintura spray en Galego”, que ten como obxectivo ir ensinando aos usuarios a súa labor. 
“A xente axudoume emprestándome a súa música, entón é unha forma de retroalimentarnos”, declara o artista en referencia á musica elixida para ambientar a mostra.


Inspiracións
“O que máis me inspira é a temática do universo”, relata o pintor. Ao artista encántalle representar todo o relacionado co cosmos, e a partir de aí vai artellando as súas creacións. Estas adoitan reflexar aspectos que lle aportan persoalmente, como é o caso da súa obra inspirada na novela do Principiño, que para el ten un significado especial.


Tamén é un apaixoado da cultura exipcia, que está moi en relación coa temática astronómica que tanto lle gusta pintar, polo que algúns dos seus traballos tamén recollen tales vínculos.


Motivación
“Comecei a pintar con esta técnica a raíz dunha persoa que me ensinou a facer unha lúa e continuei como forma de terapia”, explica Gil. Este creador estaba pasando por un momento persoal complicado, e pintar para el tiña un carácter terapéutico, algo que segundo admite, segue sendo así a día de hoxe. 


É unha maneira de pausar a súa mente, estructurarse, tranquilizarse e reflexionar. Cando o artista entra no estudio que dedica á súa actividade, o mundo exterior case deixa de existir.


Chegar a vivir da pintura non lle importa, o relamente relevante para o artista é a calma que proporciona o proceso creativo. Dende a súa perspectiva, todo o mundo pode encontrarse con algo que facer que lle proporcione ese equilibrio emocional, así que a pintura é unha das múltiples vías que un pode atopar para o seu sosego.


Outra forma de atopar paz mental é o teatro, un ámbito no que tamén se embarcou recentemente, atraído polo programa de Teatro Veciñal que promove o Concello de Ferrol e coordina Culturactiva. 


Nesta experiencia como actor, o grupo foi dirixido por Helga Méndez, unha persoa coa que se identifica pola súa perspectiva de realizar os proxectos con amor, de xeito que cheguen á xente ao mesmo tempo que fagan medrar persoalmente a quen o realiza.


A iniciativa de dramaturxia fíxolle avanzar moito e soltar certas emocións que dalgunha maneira estaban atrapadas, precisamente porque se centraba na fase do proceso de desenvolvemento, xa que a obra resultante é unha creación colectiva na que todos os integrantes participaron coas súas vivencias individuais. 

Reportaxe | A exposición de Gilotxo vese este mes no Taller de Arte Comeluz das Pontes

Te puede interesar