Recreación dos modos de vida e da cultura castrexa no Oenach Atlántico

Recreación dos modos de vida e da cultura castrexa no Oenach Atlántico
O programa foi presentado onte en Sedes

Comeza a conta atrás para a celebración dunha das citas habituais do calendario estival na comarca. O recinto da campa do Trece, en Sedes, será do 26 ao 28 deste mes o epicentro das actividades do Oenach Atlántico, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia.

O Concello de Narón e a AVV Rosa dos Ventos organizan, coa colaboración da Xunta e Abanca, un evento que aposta por recrear as raíces da cultura e os modos de vida rurais a partir da historia castrexa e que este ano ademais contará coa colaboración da entidade veciñal de Esmelle.


O programa chega este ano cunha maior oferta de obradoiros e recreación de oficios na campa. Este dará comezo o venres ás 22.30 horas co tradicional acendido de lumes nuns recipientes de ferro para dar por inaugurada a celebración. A partir das 22.45 horas dará comezo o concerto do grupo de música tradicional de cantareiras e pandereteiras Leilía.


Fin de semana
As actividades continuarán nas xornadas do sábado e do domingo de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas con propostas dirixidas a todo tipo de públicos. Polas mañás abrirá un mercado de artesanía, xogos e obradoiros e recreacións de oficios na campa castrexa.


A maiores, o sábado haberá varios espectáculos de animación a cargo do Cuarteto Rinchón, unha actuación infantil con Rilo&Penadique, sesión vermú a cargo de Tiruleque e un concerto infantil con Mamá Cabra.
Pola noite será a quenda para Noite no Castro, cunha representación da Grande Compañía de Teatro Comunitario de Sedes, que este ano representará a obra “Buscando a Fara”.

Os veciños e veciñas de Sedes son os protagonistas desta proposta teatral, escrita por Juan Padín e Pepablo Patinho. Unha mexillonada e repichoca pecharán a xornada.


O domingo haberá novas sesións de animación e recuperarase ademais unha das propostas de anos anteriores, a exhibición de cans de palleiro. Outra proposta teatral, xogos populares, música e iniciativas cara á familia completarán o programa do domingo, co que se poñerá o punto final ao Oenach Atlántico.


Os asistentes terán así mesmo oportunidade de degustar diferenes elaboracións a base de porco celta e bolas de sartén.


A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, presentou onte, acompañada por integrantes da Asociación de Veciños Rosa dos Ventos, de Sedes, os detalles do programa.


Anunciou ademais que está previsto realizar a vindeira semana en Lugo un acto de irmanamento entre esta celebración e o Arde Lucus ao que acudirán representantes de ambos concellos xunto con xente de Sedes.

Recreación dos modos de vida e da cultura castrexa no Oenach Atlántico

Te puede interesar