Radioloxía agarda a fin das obras para inaugurar, en semanas, a súa nova área no Marcide

Radioloxía agarda a fin das obras para inaugurar, en semanas, a súa nova área no Marcide
Imaxes do avance dos dous edificios novos que se constrúen co desenvolvemento do Plan Director, así como a entrada de Urxencias e o interior de Radioloxía | emilio cortizas

As obras do Plan Director do CHUF avanzan desde hai anos e a piques está de abrirse o que será o primeiro servizo que entre en funcionamento nunha área afectada polas mesmas. Trátase de Radioloxía, un espazo que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitaba a mediados de outubro coa idea de que antes de que acabase o ano puidese estar xa en funcionamento. Non se puido cumprir esta previsión pero o cambio é cuestión de semanas, segundo informan desde a administración autonómica.


Primeiro teñen que rematar as tarefas, para o que quedan aínda uns días, e despois, “para a súa posta en funcionamento, será necesario realizar un proceso de verificación e rexistro para a súa total homologación conforme á normativa vixente”, explican. Iniciarase un proceso moi complicado para instalar os equipamentos novos adquiridos polo Sergas e trasladar os actuais sen afectar á atención aos pacientes.

 

 

Complexo traslado


Dotarase ao hospital de dúas novas resonancias magnéticas de 1,5 teslas (unidade de inducción magnética) e outra de 3 teslas. Na actualidade o centro dispón dun destes equipos. Tamén de dous novos TACs, un espectral e outro con fluoroscopia. A maiores, haberá unha sala cun equipo de anxiografía, actualmente inexistente no centro. O resto de equipos de radioloxía convencional, telemando, mamógrafo e ecografía serán trasladados desde a súa ubicación actual.


“Desde hai varios meses estanse programando estes traballos de forma conxunta entre a Xerencia da Área, os provedores e o equipo da obra”, explican desde a consellería de Sanidade. É un proceso “altamente laborioso e complexo de coordinación na planificación dos traslados”, engaden.


Ademais, as obras, que comezaron antes da pandemia, estiveron lastradas polos problemas mundiais na cadena de suministro, así como, explican, pola carencia de man de obra especializada, aspectos nos que tamén se traballa na actualidade.

 

 

Máis de tres anos


A primeira fase do Plan Director adxudicouse no verán de 2019 e o contrato formalizouse ese setembro. O seu prazo de execución era de 36 meses pero, aos retrasos que poden darse en obras tan complexas, sumóuselle unha pandemia e as consecuencias no sector industrial que se acarrean.


Na actualidade poden verse xa en pé os dous edificios novos, un asistencial e outro dedicado á administración, e están pendentes de finalización os traballos na rúa Irmandade de Doadores de Sangue, na que se creou un vial de servizo que se situará ao nivel -2 dun dos novos edificios, polo que se rematarán ao unísono. Despois de estar pechada a rúa durante o verán, reabriuse ao tráfico co principio do curso escolar á espera da súa conclusión. l

Radioloxía agarda a fin das obras para inaugurar, en semanas, a súa nova área no Marcide

Te puede interesar