jueves 17.10.2019

Os primeiros pasos. A inscrición legal

Antes da data fundacional das Irmandades, na casa de Rego de Auga onte tiña a súa sede a Academia Galega, xa se viñeran producindo toda unha serie de actividades e artigos da prensa de moi diferentes autores que coincidían na necesidade de constituír un organismo que defendese a causa do uso do idioma galego en toda a súa extensión.
 

O máis alto de pé, Robustiano Faginas, xornalista e cofundador da Asociación da Prensa da Coruña
O máis alto de pé, Robustiano Faginas, xornalista e cofundador da Asociación da Prensa da Coruña

Antes da data fundacional das Irmandades, na casa de Rego de Auga onte tiña a súa sede a Academia Galega, xa se viñeran producindo toda unha serie de actividades e artigos da prensa de moi diferentes autores que coincidían na necesidade de constituír un organismo que defendese a causa do uso do idioma galego en toda a súa extensión. Contábase mesmo cunha elaborada rede de contactos en diferentes puntos de Galicia e de fóra dela para o espallamento da idea.
Así, baixo o epígrafe “Renacimiento regional / Por el idioma Gallego”, La Voz de Galicia do 10 de maio reproducía unha nota na que se indicaba a quen podían dirixirse as persoas que simpatizasen “cordialmente -no de modo tibio- con esta causa de renacimiento regional abierta a todos los campos políticos, y deseen adherirse a la Liga de Amigos del Idioma (Hirmandá de Amantes d’a Terra)”: en Santiago, al doctor en Derecho y catedrático D. Luis Porteiro Garea; en Monforte, al también doctor en Derecho y notario D. Manuel Banet Fontenla; en Mondoñedo, a D. Eduardo Lence Guitián; en Cambados, al ilustre Ramón Cabanillas; en Orense, al poeta Noriega Varela; en Ferrol, al culto bibliotecario de “Airiños d’a miña terra”, D. Emilio Bidegain; en Madrid, a D. Aurelio Ribalta, y en La Coruña, a D. Manuel Lugrís Freire, don Leandro Carré o D. Antonio Villar Ponte”.
Nese mesmo solto, o xornal coruñés reproducía unha carta “rebosante de entusiasmo y de amor a la tierra nativa” dirixida pola “Asociación Iniciadora y Protectora de la Real Academia Gallega de la Habana” con data de 18 de abril, aos iniciadores da “Liga de Amigos del Idioma”, que, no esencial, di:
“A Directiva d’Asociación Protectora d’a Real Academia Gallega, que ten no seu programa o cultivo e estudio d’o idioma, o saber a fundación da Liga d’Amigos do Idioma, acordou n’a últema xunta facer causa común con vós, e animalos a non deixar o camiño emprendido e ofrendarlle o noso concurso, poñéndonos as suas órdenes e pedirlles nos manden o Reglamento e instrucciós para facerlle propaganda e tratar d’impoñer n’esta isla tan patriótica obra.[...]
Temos a seguridad de qu’a idea e o entusiasmo desa Liga d’Amigos do idioma, trunfará e será o principio d’unha nova era de prosperidad, dando a conocer o sentimento qu’aniña n’alma d’o gallego, e pra facer respetal’o seu nome en todas partes.
Nosoutros temos xa tomado acordo de facer canto poidamos en pro d’unha tan patriótica e nobre causa”.
Non perdamos de vista que se trata da asociación que, promovida polo ferrolán Fontenla Leal e presidida por Curros Enríquez, se constituíra na Habana en 1905 coa finalidade de achegar os esforzos e os cartos que permitisen a creación na Galicia dunha Academia. Tampouco debemos esquecer que nesa altura de 1916, transcorrida máis dunha década da fundación, a Academia pouco fixera para xustificar os diñeiros que sistematicamente se enviaban de Cuba, razón pola que había certo malestar na sociedade da illa caribeña. Saudaban con fervor a nova institución coa esperanza de que enchese os baleiros no fomento do idioma que a Academia non tiña asignados, se é que non albiscaban tamén que podería xogar un papel que obrigase a Academia a dinamizarse.
O 7 de xullo dese ano de 1916, o secretario José Lamas, presentou no rexistro do Goberno da Provincia (Entrada Nº 1656. / 7 JUL.1916) copia certificada da Acta de Constitución da Sociedade. Asinada por el mesmo, co visto e prace de Antonio Villar Ponte, textualmente di así:
José Lamas González, Secretario de la sociedad “Os amigos da fala”.
Certifico: que el acta de constitución dice lo siguiente: Reunidos el día tres del corriente los inscriptos para formar la hermandad “Os amigos da fala” en el local que es la Academia Gallega, acordaron constituirse en Sociedad armonía con lo dispuesto en la vigente Ley de Asociación bajo las condiciones aprobadas por el Iltmo. Señor Gobernador procediendose seguidamente a la elección de cargos habiendo obtenido el resultado siguiente: Consejero primero, Antonio Villar Ponte; Consejero segundo, Antonio Valcarcel; Tesorero, José I, Roura; Secretario, José Lamas González y Vocales D. Luis Fernández Mouriño y Don Robustiano Faginas.
Y para que surta sus efectos en el Gobierno Civil la presente en la Coruña a tres de Julio de mil novecientos diez y seis.
Dúas semanas antes presentaran no mesmo rexistro (Entrada Nº 1624. / 24 jun.1916) o mecanoscrito “os amigos da fala gallega / estatutos”, 10 páxinas en cuarto de folio numeradas, asinado por Antonio Villar Ponte e Robustiano Faginas na Coruña a 18 de maio de 1916. Estes Estatutos foron aprobados, conforme aos efectos do art 4º da Lei de asociacións, e asinados polo gobernador con data 24 de xuño de 1916. Polo que coñecemos do acontecido na sesión constitutiva da Irmandade e pola primeira documentación presentada para a súa legalización, parece que o proxecto inicial era constituír unha sociedade para toda Galicia. Mais á vista dos numerosos apoios recibidos, axiña se pensou en constituír Irmandades en cada unha das vilas galegas que puidesen facelo. Ás vellas voces dos grupos rexionalistas, fóronse xuntando, nos meses seguintes, variados elementos reformistas e un amplo conxunto de mozos republicanos e de tradición galeguista.
Aclaración.- Na primeira entrega desta serie irmandiña hai un erro derivado da mala calidade da fotocopia manexada. Parece que pon 18 de mayo e non 19, que é o que realmente pon. n
 

Comentarios