A primeira edición do máster Erasmus Mundus SEAS 4.0 reúne a 22 alumnos en Ferrol

A primeira edición do máster Erasmus Mundus SEAS 4.0 reúne a 22 alumnos en Ferrol
O alumnado matriculado, que foi recibido onte no Campus de Ferrol, coñecerá ao longo desta semana a cidade naval | c.i.

O Campus Industrial de Ferrol recibiu onte, no salón de actos de Esteiro, aos 22 alumnos matriculados na primeira edición do Máster Erasmus Mundus “Sustainable Ship And Shipping SEAS 4.0”, un programa financiado pola Comisión Europea e nacido baixo o paraugas dun consorcio integrado pola Universidade de Nápoles Federico II (Italia), a Universidade de Zagreb (Croacia) e a Universidade da Coruña. Nestas tres institucións académicas recibirá o alumnado a súa formación, como así se contempla no plan de mobilidade do plan de estudos: o primeiro semestre será en Nápoles, o segundo en Ferrol (na Escola Politécnica de Enxeñaría) e no terceiro poderán elixir entre as tres cidades. O Traballo Fin de Máster poderá ser tamén realizado en calquera das tres universidades implicadas, noutras asociadas ou nas sedes dos denominados socios industriais.

Ao seu remate, recibirá dous títulos oficiais. O primeiro estará emitido pola Universidade de Nápoles Federico II e o segundo pola Universidade da Coruña. A maiores, obterán tamén un documento adicional no que se recollerá o itinerario cursado no terceiro semestre.

O alumnado, procedente de países como Brasil, India, Nixeria, Turquía, Kazajistán, Indonesia, España, Birmania, Perú, Guatemala, Ghana, Banglasdesh e Canadá, visitarán esta semana a cidade naval e os seus concellos limítrofes, así como o Museo da Construcción Naval (Exponav) e os estaleiros de Navantia en Ferrol e Fene. Hoxe, ás 10.00 horas, serán recibidos polo alcalde Ángel Mato no Concello de Ferrol.


Contidos


Esta nova titulación, de carácter internacional, afonda no estudo e aplicación das tecnoloxías 4.0, de eficiencia enerxética e de mellora medioambiental no eido do sector naval así como na construción e operación do buque.

A coordinadora principal é a profesora do Departamento de Enxeñaría Industrial da Universidade italiana, Ermina Begovic. Pola Universidade da Coruña, o responsable é o profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría e membro do Grupo Integrado de Enxeñaría (Gii), Marcos Míguez González e na Universidade de Zagreb, a coordinación recaeu no profesor Jerolim Andric.

O proxecto foi seleccionado pola Education, Audiovisual and Culture Executive Agency (Aecea) da Comisión Europea en 2020 entre máis de 100 propostas. Para a súa posta en marcha, o consorcio obtivo unha financiación 3.527.000 euros dos que 220.000 serven para cubrir os gastos de xestión das tres universidades promotoras e o resto, 3.200.000 euros, empregaranse para cubrir a totalidade das bolsas do alumnado participante (mobilidade, matrícula e manutención).

O máster conta ademais co apoio doutras universidades de diferentes partes do mundo así como de preto dunha trintena de empresas e institucións do sector, entre as que se inclúen as españolas Navantia, Ghenova Ingeniería ou o Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos, entre outras.

O alumnado foi recibido onte no Campus local polas vicerreitoras de Internacionalización e do Campus de Ferrol, Pilar García de la Torre e María Jesús Movilla Fernández, respectivamente, a directora do Campus Industrial, Ana Ares Pernas, o director comisionado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, Andrés Piñón Pazos, o responsable de Transformación Dixital e Industrial en Navantia Ría de Ferrol, Rafael Morgade Abeal, e o director do Departamento de Arquitectura Naval en Navantia Ría de Ferrol, Fernando Lago Rodríguez. 

A primeira edición do máster Erasmus Mundus SEAS 4.0 reúne a 22 alumnos en Ferrol

Te puede interesar