As cualificacións definitivas da Proba de Acceso á Universidade –PAU– na súa convocatoria extraordinaria publicaranse o vindeiro xoves 17. Non obstante, o alumnado que se presentara a estes exames xa ten o seu resultado provisional e onte abriuse o prazo para formalizar as solicitudes de revisión que se consideren oportunas.
O martes 15 remata o período de tres días hábiles destinado a formalizar as peticións de novas correccións das avaliacións que tiveron lugar nos primeiros días do mes, concretamente nesta área territorial na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol –EPEF–. Antes de levar a cabo este proceso débese ter claro que as puntuacións poden tanto subir como aminorar.
A única comisión delegada desta convocatoria extraordinaria, destinada ao estudantado que suspendera materias no Bacharelato ou na fase ordinaria da PAU, a EPEF, rexistrou un total de 97 resultados aptos dos 2.751 alumnos presentados a nivel galego ou dos 1.952 que concorreron na parte obrigatoria. Estas cifras supoñen un 94,6% de asistencia, en relación coas 2.908 persoas que estaban matriculadas. Así mesmo, o total de 1.384 aptos reafirma uns resultados maioritariamente positivos cun 70,9% de aprobados nesta fase.