Ponte Far: “Teriamos que ter nun altar a media ducia de autores españois, e Torrente está entre eles”

O concelleiro de Cultura organiza os actos do 25º aniversario de Torrente
Ponte Far: “Teriamos que ter nun altar a media ducia de autores españois, e Torrente está entre eles”
Ponte Far asistirá aos actos da Casa de Galicia I D. Alexandre

A Casa de Galicia de Madrid acolle martes pola tarde e mércores–19.30 horas– dúas mesas redondas nas que intervirán algúns dos grandes narradores en lingua española e especialistas na obra do escritor ferrolán Gonzalo Torrente Ballester. Son dous actos organizados pola área de Cultura que dirixe José Antonio Ponte Far e que se enmarcan nun programa de homenaxe ao autor de “La saga/fuga de J.B.” que se estenderá os vindeiros meses.


Ponte defende a conveniencia do Ano Torrente “por varios motivos”. “O primeiro”, explica, “porque debemos homenaxealo como fillo predilecto da cidade que é; o segundo, coa idea de rescatar, na medida en que se poida, o escritor, é dicir, que sexa unha maneira de reactivar a súa obra literaria, espertando o interese dos lectores; e, o terceiro, porque nesta homenaxe a cidade é coprotagonista, como demostramos na peza audiovisual que vimos de presentar. Isto é, Ferrol visto a través dos lentes de Torrente”.

 

O nivel das mesas redondas na Casa de Galicia é altísimo...
Son dúas mesas redondas moi potentes. Na primeira estarán Luis Mateo Díez –Premio Cervantes 2023–, José María Merino –Premio Nacional das Letras Españolas– e Marcos Giralt Torrente –Premio Nacional de Narrativa–, coordinados por Ángel Basanta, que é presidente de honra da Asociación Española de Críticos Literarios. Mañá estarán Darío Villanueva –exdirector da RAE–, César Antonio Molina –exministro de Cultura–, o catedrático Miguel Viqueira e a profesora universitaria Carmen Becerra.

 

Cre que había ganas de poder falar del, de rescatalo? 
Si, e teño que dicir que as xestións foron rápidas porque aceptaron no momento, sen condicións, sen contrapartida. É Torrente quen os convoca, é a admiración que senten por un novelista: que veñan todos estes expertos non é mérito meu, é mérito de Torrente.

 

Este ano vaise falar moito de Torrente, pois hai unha programación moi ampla. Pero como se vai poder manter nos vindeiros anos ese interese e chegar a ese público máis novo? 
Aínda non sei moi ben de que modo, pero o que si teño claro é que hai un auténtico socavón no ensino. Que Torrente hoxe estea desaparecido das universidades galegas –agás a de Vigo, porque está alí Carmen Becerra– ou Cela, ou Delibes... paréceme unha auténtica aberración. No bacharelato, outro tanto do mesmo. A nós gustaríanos facer unha publicación sobre Torrente para repartir aos rapaces e rapazas de 1º de Bacharelato da cidade e cremos que iso pode axudar a que lles sone, polo menos. Pero, aínda así, é difícil mentres non se instaure ese sentido da tradición literaria que debería haber. Teriamos que ter nun altar a media ducia de escritores, pero quen le hoxe a Pérez Galdós? Pío Baroja? Luis Martín-Santos? Súmalle Valle-Inclán, Cela, Torrente e Delibes.

 

Hai que falar de novo dos diarios de Torrente, que seguen inéditos. Carmen Becerra dicía hai tres anos que temía non poder lelos nunca. Vostede ten a esperanza de que a situación se desbloquee nalgún momento? 
Os diarios son fundamentais. “Mi fuero interno” ten que ser unha xoia para entender non só a Torrente, senón o seu tempo, os anos difíciles que vive tanto el como España, como a ve desde Estados Unidos. Teño a esperanza de que se vexan. O problema é a falta de acordo entre as partes, pero espero que o tempo vaia poñendo as cousas no seu sitio. Con todo, coido que o proceso estivo mal enfocado desde o comezo. Albany non elixiu a persoa adecuada para traballar cos manuscritos. Puido ter elixido a Ángel Loureiro, Carmen Becerra, Ángel Basanta ou Darío Villanueva...

 

Estamos valorando dúas ou tres posibilidades para a ubicación definitiva do Museo da Cidade

 

Un dos proxectos prioritarios da área de Cultura é a creación do Museo da Cidade. Está encamiñado? Cando calcula que poderá haber novidades? 
Hai unha comisión cidadá, moi transversal, con xente do mundo da cultura e coa que eu me identifico plenamente porque, aparte de ser amigo de moitos deles, temos uns intereses culturais semellantes. É moi importante que haxa un movemento cidadán que empuxe ao Concello, que vaia estendendo esta idea entre a sociedade. Neste punto, o Concello está en xestións, valorando dúas ou tres posibilidades. Nos orzamentos de 2024 haberá unha partida considerable para o Museo, que non será a total porque é un proxecto plurianual e precisaremos da colaboración dou-tras administracións. Estou certo de que contaremos coa colaboración da Xunta e da Deputación, sen dúbida. Vai para adiante, pero o que queremos é facer xa algo, que se vexa. Dicía León Felipe: “Primero cuenta las piedras, después cuenta las estrellas”. Nós imos empezar a contar as pedras, e as pedras poden ser habilitar unha sala do Torrente e ir mostrando cousas alí, algunhas que son propiedade do Concello. E inmediatamente iso vai provocar que haxa cidadáns que ofrezan pezas e materiais. Temos unha oferta de cesión gratuíta por parte dos fillos de Guillermo Escrigas. A familia Ucha tamén cedería material. Ademais, o Concello ten unha riqueza pictórica enorme. O importante é comezar.

 

A súa idea é dedicarlle cada ano a un persoeiro relevante da cultura local. Ferrol ten débedas cos seus grandes intelectuais? 
Si. Ferrol, por exemplo, ten unha débeda con Carvalho Calero. Hai que lembrar que non fomos capaces de organizar o acto central do seu Día das Letras Galegas. Carvalho é un personaxe importantísimo para Galicia e para Ferrol, e temos que presumir del. Se eu estou onde estou cando haxa a mínima oportunidade, farase, empezando por restaurar o premio que levaba o seu nome. Concepción Arenal, Fontenla Leal, Sotomayor... A todos eles podemos facerlles pequenas chiscadelas que levan consigo recoñecemento, agradecemento e Marca Ferrol. Como representantes públicos temos a obriga de honrar a estas persoas.

 

Ao longo do mandato, en que ámbito da cultura lle gustaría incidir especialmente? 
Trataremos de actuar en todos os eidos, de abrirnos a todos os públicos e xéneros. Temos que atender a un público amplo e diverso, pero quero reforzar proxectos e iniciativas que xa funcionaban moi ben e que teñen a particularidade de que son participativas, como o teatro nas parroquias e barrios, os Petís Dúplex, o Fóra do Mapa, o Festea... Son moitas as actividades que xa están inventadas e que queremos potenciar, coa idea sempre de ser do gusto e do interese de todos. 

Ponte Far: “Teriamos que ter nun altar a media ducia de autores españois, e Torrente está entre eles”

Te puede interesar