O plan de inverno da área sanitaria prevé dificultades ao nivel de antes do covid

O plan de inverno da área sanitaria prevé dificultades ao nivel de antes do covid
Reunión do grupo de traballo, con presenza do xerente da Área Sanitaria | cedida

Profesionais de diversos ámbitos asistenciais da Área Sanitaria de Ferrol reuníronse onte para actualizar o Plan de Inverno, onde se recollen as actuacións ante un posible incremento de pacientes con descompensacións cardiorrespiratorias derivadas de cadros catarrais ou gripais durante as próximas semanas. O documento elabórase cada ano en función do acontecido en períodos anteriores e achegando as aportacións dos servizos e profesionais que máis en contacto están con estas incidencias. Inclúe medidas preventivas, de actuación ante a o incremento da demanda de hospitalización e tamén de reforzo de persoal.


Unha das conclusións do grupo de traballo é que neste outono e inverno “a convivencia coa pandemia de Covid-19 e o estado de vacinación da poboación xeral e dos profesionais non parece aportar maior complexidade á aplicación do Plan de Inverno respecto a períodos pre-covid”, segundo informa o Sergas. As necesidades de camas e de persoal revísanse cada día segundo a presión que exista nese momento pero a planificación da tempada faise sen contar con que poida haber alteracións graves causadas pola pandemia.


No grupo de traballo participan o director asistencial, Luis González Taboada; a directora de Atención Primaria, Marina Pérez Tenreiro; a directora de Enfermaría, Isabel Campos Pardo; o xefe do servizo de Medicina Interna, Ramón Jorge Sánchez; o coordinador de admisión, Enrique Díaz López; a xefa do servizo de Neumoloxía, Carmen Diego Roza; e a coordinadora de Urxencias, Carmen Solloso Blanco. Na reunión de onte estivo presente o xerente da Área Sanitaria, Ángel Facio Villanueva.

 

 

Prevención: vacinas


As medidas preventivas para evitar as complicacións cardiorrespiratorias céntranse sobre todo na vacinación fronte á gripe, que como novidade, este ano, inclúe a nenos e nenas de seis a 59 meses. A campaña está aberta xa a todas as persoas e durará ata finais de ano. Tamén se inclúe o control e seguemento de pacientes diana, tanto en Atención Primaria como na sección de crónicos de Medicina Interna e outras especialidades, para ter unha actuación máis proactiva e poder detectar problemas canto antes.


Na organización dos recursos prevese a revisión e optimización diaria de illamentos, ocupación de camas individuais, de plantas ou dos diversos servizos. Tamén se trata a dispoñibilidade segundo a demanda e o equilibrio entre a actividade cirúrxica ordinaria e a urxente.


No reforzo de persoal inclúense tanto persoal sanitario (facultativos, enfermaría) como non sanitario (celadores) en unidades como Urxencias e en plantas de hospitalización cando a ocupación o requira. 

O plan de inverno da área sanitaria prevé dificultades ao nivel de antes do covid

Te puede interesar