Piñeiros acolle o encontro de rondallas e o “Memorial Lolete” de bandas de gaitas

Piñeiros acolle o encontro de rondallas e o “Memorial Lolete” de bandas de gaitas
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-bced2868

A música terá unha importancia capital esta fin de semana no barrio de Piñeiros coa celebración de dúas citas organizadas polo Concello de Narón e o devandito barrio e que terán lugar no campo da festa.

A primeira delas terá lugar mañá sábado, a partir das 18.30 horas, e consistirá nunha nova edición, a sétima, do Encontro de Rondallas Cidade de Narón.

O trío Blanco e Negro será o encargado de inaugurar o acto para, a continuación, dar comezo ás actuacións das rondallas. Nesta edición, o público asistente terá a oportunidade de gozar da música de Lucero del Alba, de Neda; Só Elas, de Ferrol; e Añoranzas, tamén da cidade ferrolá. A cita rematará cunha gran sardiñada, con racións de tres sardiñas, cachelos e pan a un prezo de cinco euros.

Domingo
O domingo será a quenda para a décimo quinta edición do Encontro de Bandas de Gaitas “Memorial Lolete”, que comezará ás 12.00 horas. Actuarán no evento as agrupacións Álvaro Cunqueiro, de Lago (Valdoviño); San Xulián, de Marín;  para pechar o acto Agarimo de Catabois, de Ferrol.

A primeira edición deste festival celebrouse no ano 2005 baixo a organización de Manuel García, “Lolete”, director por aquel entón da banda de gaitas de Agarimo, e Catabois, e José Francisco Pita, presidente da Asociación de Veciños de Piñeiros. Tralo falecemento de Lolete –que só puido asistir á primeira convocatoria–, Pita e Marcos García, fillo de Lolete, mantiveron, coa colaboración do Concello de Narón, unha convocatoria que desde entón leva o seu nome a modo de homenaxe.

A maiores, a AVV Piñeiros celebrará tamén o domingo a duodécima edición da Festa do Churrasco, As racións terán un prezo de 18 euros e incluirán paella, churrasco, chourizo criollo, liscos, patacas, pan, e bebidas, con bola con queixo fresco de postre e café. Comezarán a servirse ás 14.00 horas. Os tickets poden adquirirse no estanco e no local social de Piñeiros, nos establecementos Con Moita Miga (O Ponto), Carnizaría Suprema ou o mesmo domingo na carpa instalada no campo da festa. De amenizar a convocatoria encargarase o dúo Horizonte. O programa desta fin de semana foi presentado onte no Concello deNarón pola concelleira de Festas, Natalia Hermida; o presidente da AVV Piñeiros, Francisco José Pita; e José Luis Teijeiro e Santiago Vázquez, integrantes da citada entidade veciñal.

A edil naronesa, que animou ás veciñas e veciños a acudir a estes eventos, salientou a colaboración prestada pola AVV de Piñeiros “porque froito da mesma, dende o Concello, podemos facer nesta parroquia, ao igual que noutras da cidade, importantes eventos gastronómicos e con carácter festivo e cultural”. O presidente da AVV Piñeiros agradeceu a colaboración do Concello coa entidade.

Piñeiros acolle o encontro de rondallas e o “Memorial Lolete” de bandas de gaitas

Te puede interesar