Pesar no mundo cultural de Ferrolterra polo pasamento de Fernando Naveiras "Fefi"

Pesar no mundo cultural de Ferrolterra polo pasamento de Fernando Naveiras "Fefi"
"Fefi" apoiou e participou en diferentes movementos culturais I Cedida

O mundo da cultura de Ferrolterra lamenta a morte, aos 67 anos, de Fernando Naveiras "Fefi", persoa comprometida coas causas sociais e activa no movemento asociativo vencellado á música e a literatura, principalmente. A Fundaçom Artábria expresou esta mañá a súa tristeza "pola marcha dun amigo da nosa asociación. Botaremos de menos a túa voz e a túa guitarra". Tamén Ferrol en Común manifestou o seu pesar polo pasamento "dunha persoa comprometida cos valores e principios da liberdade e da xustiza". A formación política lembra que "Fefi" era unha persoa "sempre participativa na vida social e cultural da nosa cidade e membro activo de diferentes entidades da cidade". 

 

Unha das persoas coas que Naveiras compartiu "militancia cultural" foi co poeta Karlotti, unha relación que se fortaleceu aínda máis co nacemento da Semana de Poesía Salvaxe. O propio Karlotti dedicáballe hoxe nas súas redes un poema. "Sempre estivo con nós, desde a primeira edición, en 2008", lembra. "Era unha das persoas máis entrañables que coñecín, aqueles silencios fértiles enchidos de palabras; unha persoa discreta, moi querida pola súa maneira de estar, elegante, sempre presente. É unha perda moi dolorosa". 

 

Karlotti destaca a paixón de "Fefi" pola cultura francesa. "Adoraba os cantautores daquel país e era un experto en cinema europeo", engade. Naveiras fixo da discreción a súa bandeira. "É unha virtude: sempre rexeitou o protagonismo", explica. Esta mesma consideración faina o escritor Vicente Araguas, para quen "Fefi" foi "un tipo que sempre estaba en segunda liña, sendo de primeira". Araguas coñeceuno en Neda a comenzos dos 80. "Cantaba as cancións de Aute de marabilla", rememora, "e sempre fomos coincidindo, tanto na Semana de Poesía Salvaxe, como nas manifestacións contra a retirada da fonte da Ranita en Ferrol Vello ou partillando militancia na asociación Lefre de Caldereta, por exemplo". "Cantaba e tocaba a guitarra moi ben", explica, "pero tivo a mala sorte de que chegou tarde ao movemento dos cantautores. Uns anos antes tería sido moi bo". Alén do artístico, Araguas considera a Naveiras "un dos mellores tipos que teño atopado, honesto, honrado, intelixente e namorado da vida". 

 

Mañá mércores ás 16.00 horas haberá no tanatorio Artabria un acto de intervención libre na súa memoria. 

Pesar no mundo cultural de Ferrolterra polo pasamento de Fernando Naveiras "Fefi"

Te puede interesar