Persoal e usuarios denuncian problemas de limpeza nas escolas da Galiña Azul

Persoal e usuarios denuncian problemas de limpeza nas escolas da Galiña Azul
Os traballadores das escolas reuníronse coa concelleira de Benestar | e. cortizas

O Concello de Ferrol dirixirase ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para facer constar a problemática que os traballadores das dúas escolas infantís da Galiña Azul –Esteiro e Caranza–, apoiadas polas familias, trasladaron onte nun encontro coa concelleira de Benestar, Eva Martínez. 
 

Existen queixas relacionadas coa limpeza e mantemento desde que pasou do Concello ao Consorcio e tamén sobre cuestións relacionadas coa cociña. Ademais, teñen tamén reivindicacións laborais relacionadas coa estabilidade dos seus postos de traballo, pedindo que as prazas do Consorcio se valoren máis no proceso de consolidación. Esta última solicitude levarase ao pleno de Ferrol para tentar lograr unha declaración institucional e, se non hai unanimidade, presentaraa o grupo socialista como moción.

 

Deterioro “alarmante”

O mantemento dos centros de Caranza e de Esteiro era responsabilidade do Concello ata que o ano pasado se acordou que se fixera cargo del o Consorcio e, a cambio, a achega da administración local por praza pasou de 900 a 1.500 euros. 
 

O cambio fixo que a situación se deteriorase “ata niveis alarmantes”, apuntou a concelleira Eva Martínez. Hai unha “desmellora total no servizo”, comentou unha das tralladoras e, no tocante á limpeza, “desbaratouse todo” e non se iniciou o curso nas condicións axeitadas. Ademais, reduciuse unha hora o servizo de cociña e, por primeira vez, utilizáronse conxelados.
 

Desde Benestar critícase unha situación “totalmente intolerable” e pedirán unha reunión persoal.
 

As traballadoras tamén comunicaron as súas demandas laborais, dentro das xornadas de folga que cada quince días convoca a plantilla das escolas infantís do Consorcio. Estas revindicacións levaranse ao pleno.

Persoal e usuarios denuncian problemas de limpeza nas escolas da Galiña Azul

Te puede interesar