Paula Carballeira: “Na obra reúnense moitas teimas que teño desde sempre”

Presenta hoxe "As alumnas" na Central Librera da rúa Dolores
Paula Carballeira: “Na obra reúnense moitas teimas que teño desde sempre”
A autora, o ano pasado na Feira do Libro de Narón I Jorge Meis

“Totalmente inesperado” foi para a fenesa Paula Carballeira o Premio Nacional de Literatura Dramática con “As alumnas” (editorial Galaxia), unha obra que o ano pasado xa se levou ás táboas da man de Culturactiva, compañía para a que foi escrita, e que agora, con este galardón, poderá ser traducida a outros idiomas. Este feito supón unha das maiores satisfaccións para a súa autora, é dicir, “a visibilidade deste xénero que adoita quedar un pouco relegado”. Hoxe, ás 19.30 horas, preséntase na Central Librera da rúa Dolores.

 

A historia que recolle en “As alumnas” tíñaa na cabeza desde había moito tempo? 
Hai moitas ideas que se cruzan na peza e que son unha especie de teimas miñas: a importancia da educación, o papel que lle outorgamos como sociedade, o rol das mulleres neste eido ou os cambios que se produciron nos últimos tempos. Todos estes temas están sempre moi presentes en min e na obra toman una forma moi concreta no tempo e nas personaxes. 

Hai referentes reais –o caso de María Barbeito–. Como foi o labor de contextualización da obra? 
A obra abrangue desde a II República até finais da ditadura, 1970, que é cando morre María Barbeito, mestra destas dúas alumnas, Elvira Fontao e Rosa Lires, ás que se refire o título. Eu nacín no 72 e tiña referencias directas, por exemplo, da miña nai, pero como estamos a falar de antes da Guerra Civil houbo un importante labor de documentación. Con todo iso elaborei un discurso que no referido a María Barbeito non é complicado porque hai obra publicada, pero recrear a época si custa un pouco máis porque, máis alá da figura histórica de Barbeito, o resto son creacións en base ao que eu recollín, o que me foron contando ou o que eu mesma vivín coa miña ollada de nena que, porén, xa non viviu directamente esa época.

 

Como definiría a Barbeito? 
Para min fixo un labor revolucinario a nivel pedagóxico. Introduciu unha maneira diferente de entender o ensino e métodos que co paso do tempo se foron instaurando pero que daquela eran pouco menos que revolucionarios: educación mixta, accesible para todas as persoas, alén das clases sociais, que prestase atención a cada persoa e á súa capacidade crítica e creatividade... É un exemplo destas mulleres que caeron no esquecemento coa Guerra Civil. O Comité de Depuración apartouna da vida pública, forzárona a xubilarse e quedou na súa casa, e todo ese traballo cara a fóra quedou silenciado. Aínda resoa algún eco de quen foi, pero moito foise esquecendo, un exemplo do que acontece con moitas mulleres na Historia.

 

Como foi o trauma para as mulleres que tiveron a oportunidade de coñecer ese ensino e que co golpe de Estado sufriron a involución? 
Ese é o tema da obra porque as dúas protagonistas da peza, Elvira e Rosa, representan dous camiños distintos que seguiron posibles alumnas de María Barbeito: unha delas seguiu o ronsel da mestra e adicou a súa vida a continuar con esa maneira de entender o ensino a costa da represión, o exilio... Outra decide ir polo outro camiño: quedar na casa e facer o que se espera dela nesa sociedade que se abriu paso despois da guerra.

 

Na consecución deste éxito, que papel xogou a súa longa traxectoria como narradora oral? 
Totalmente decisivo. Estamos a falar de artes escénicas que beben das doutras. Nesta peza hai momentos en que as personaxes lle falan ao público e aí a narración oral serviume de moito para conectar con el. A miña traxectoria nas artes escénicas, ademais, fai que entenda o xeito de contar a historia de maneira dramática, mesturando referentes. É unha obra contemporánea porque mestura textos informativos con ficción. Esta peza é resultado desa traxectoria; se non a tivese, non sería posible. 

Paula Carballeira: “Na obra reúnense moitas teimas que teño desde sempre”

Te puede interesar