Música e mocidade pola lingua

Música e mocidade pola lingua
LVL do CPI Atios (Valdoviño)

É unha festa da mocidade, da música e da lingua. Unha ocasión perfecta para reivindicar o emprego da lingua galega desde o ámbito do ensino a través da creatividade dos rapaces e rapazas que esta mañá cantarán en galego ante moitos outros compañeiros da comarca.


Catro grupos, pertencentes a outros tantos colexios e institutos de Ferrol, Fene e Valdoviño, subirán ao escenario do Auditorio de Ferrol para interpretar o repertorio creado para a ocasión –un tema propio e un poema dalgún autor coñecido con música propia– na que será a vixésimo novena edición do Festival A Mocidade coa Lingua.


Cartel

A punto de cumprir as tres décadas de vida e logo do obrigado parón por mor da pandemia, a cita organizada desde a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra e o Concello de Ferrol regresa a escena cun cartel no que, xunto aos grupos LVL, do CPI Atios de Valdoviño; Benidorm Apest, do CPR Tirso de Molina; Arredemo, do IES de Fene; e As filhas do crego, do IES Ricardo Carvalho Calero, actuarán tamén dúas bandas de música profesional en galego, como son son Bitter Cans, formada en 2018 por músicos de Ferrol, Narón e Fene, e os composteláns Ruxe Ruxe, que poñerán o colofón ao certame.


A cita desenvolverase desde as 10.00 e ata as 13.00 horas e reunirá a preto de 800 estudantes de Secundaria e Bacharelato de oito centros de ensino da comarca (os IES Canido, Concepción Arenal, Sofía Casanova, Carvalho Calero, Catabois, Fene, o CPI Atios e o CPR Tirso de Molina) que poderán así gozar dunha intensa xornada musical en galego da man desta senlleira iniciativa impulsada desde hai case trinta anos desde a Coordenadora de Equipas de Ferrolterra.

Música e mocidade pola lingua

Te puede interesar