O auditorio municipal e a Praza da Pulida acolleron durante a semana pasada a XLVI Mostra de Teatro Galego de Cariño, que contou con 14 representacións en total, ademais da entrega dos premios para público adulto e infantil dos gañadores da anterior edición de 2023.
A cita xa partiu do éxito co despacho de 83 abonos para adultos, un pase que permitía a asistencia ás cinco funcións que se ofreceron no auditorio municipal en horario nocturno. Aparte, tamén se convocou no mesmo espacio outra longa lista de pezas, que chegaron da man de compañías como Náufragos, Malasombra, Culturactiva, Tarabela ou Chévere.
Esta última agrupación triunfou nas cifras de público, xa que agotou os billetes para a súa obra “As fillas bravas e o mito de Casandra”. Así mesmo, a compañía Chévere obtivo o Premio público adulto 2023 pola interpretación de “N.E.V.E.R.M.O.R.E.”. O Premio público infantil que, do mesmo xeito que o adulto, entregouse no día inaugural, foi para a compañía Os Náufragos e a súa obra “Hugo”.
A notable resposta dos espectadores demóstrase na media de asistencia superior ás 110 persoas por cada unha das representacións. Por poñer algún dos exemplos de maior éxito, o grupo Os Náufragos interpretou o martes 6 a peza “Comenoites” con 140 butacas ocupadas, de igual xeito que fixeron o venres 9 con “Noso”. Esta mesma cifra foi acadada pola agrupación Ghazafelhos, que ofreceu “Bon Apetit” o luns 5.
Ademais, Os Náufragos tamén destacou na sesión nocturna que ofreceu o martes 6, que a través de Culturactiva, o grupo achegou a súa interpretación de “As alumnas”. Por medio desta creación, a compañía marcou un récord con 150 persoas asistentes.