O mítico Evaristo Páramos actuará no Barqueiro ante un cento de persoas

O mítico Evaristo Páramos actuará no Barqueiro ante un cento de persoas
Víctor Bellas é o dono do Bar Queiro

Víctor Bellas, o dono do Bar Queiro, en Mañón, colgou onte pola tarde o cartel de “sold out” para o concerto que o venres 27 dará Tropa do Carallo, a banda actual do mítico Evaristo Páramos, líder dunha formación de referencia para varias xeracións rockeiras e punkies, La Polla Records.


Catro días mantívose aberto o aforo para unha actuación que, como recoñecía onte o propio Bellas, “nunca pensamos que puidera tocar aquí, pero si que o vai facer!”. O concerto de Tropa do Carallo e a presenza de Páramos é resultado dun correo electrónico que Bellas e o seu amigo  Luís Real enviaron ao mánager da banda para ofrecerlle o Bar Queiro. “Fixémolo obviamente por probar, sen esperanza ningunha, porque nos parecía algo imposible. Nin se nos pasaba pola cabeza. Para nós, Evaristo é unha lenda e, de feito, fomos a un dos catro concertos que deron en 2019 na súa xira de despedida, así que imaxina se estamos flipando”.


Bellas e Real sabían que a banda andaría por Galicia nesas datas –está de xira– e na súa carta non se limitaron a intentar contratar o grupo. “Falámoslle do bonito que é O Barqueiro, puxémoslle onde podían durmir e o que podían cear e, aínda que ao principio o mánager nos contestou que ía ser moi difícil, a Evaristo debeulle gustar a idea, que era unha proposta sinxela”.


Resposta


Bellas daba a negativa por descontada, pois Evaristo Páramos está afeito a actuar en escenarios máis grandes ca un bar –sen ir máis lonxe, ese mesmo sábado, ao día seguinte, estarán no Castañazo Rock de Chantada–, pero non foi así. “A verdade é que estamos alucinados, non o esperabamos nin de coña”, admite Bellas, que, como supoñía, xa despachou o cento de entradas que se puxeron á venda e, ademais, ao prezo habitual, 20 euros.


Para poder levalo adiante e poder facer fronte ao caché, o dono do Bar Queiro moveuse rápido e con axuda de varios patrocinadores locais e tamén de amigos. “Todo o mundo vai botar unha man e imos facer un sorteo, etc”, explica, “porque a verdade é que isto é un acontecemento para nós. Ter en exclusiva a banda de Evaristo é algo incrible”, pero real. Xusto despois da actuación dos locais Punta Norte –22.21 horas–, que farán de teloneiros, Páramos e compañía tocarán, si, o día 27 no Barqueiro. 

O mítico Evaristo Páramos actuará no Barqueiro ante un cento de persoas

Te puede interesar