Miguel Queixas –A Coruña, 1979– é o batería de Brothers in Band, o grupo tributo a Dire Straits que 6 de abril (20.30 horas) actúa no Pazo da Cultura de Narón, logo dunha xira por media Europa.
Como naceu Brothers in Band?
Foi en 2007 grazas a catro amigos que deciden arrancar o proxecto, como foran tamén catro amigos os que arrancaran Dire Straits nos anos 70. Como tamén lles pasou a eles, deses catro fundadores, dous seguen en activo a día de hoxe, e tamén coma eles, a banda tributo pasou por diferentes cambios na formación e foi evolucionando e crecendo: hoxe é un show que xira por Europa cun formato de sete e nove músicos en escena, que presentan tres espectáculos distintos nos que se recrean as diferentes etapas históricas e musicais de Dire Straits. Xa son centos de concertos deste grupo no que o italiano Angelo Fumarola encarna a Mark Knopfler e o resto dos membros somos galegos e asturianos.
Cando se uniu vostede?
Eu entrei en 2009, nesa primeira ampliación que houbo da banda. Incorpórome cando recibo a chamada do que naquel momento era o baterista. Convidáronme a participar como percusionista adicional para unha ampliación da formación, recreando as últimas etapas de Dire Straits. Logo houbo cambios e ofrecéronme seguir como batería. Iso foi a finais de 2011... Ata agora.
Como vai ser o espectáculo de Narón?
En Narón imos facer o “Very Best of Dire Straits”, un dos tres shows distintos que temos en cartel e que recrean esas diferentes etapas da banda. É unha selección do máis destacado, cos grandes éxitos con versións especiais dos seus directos máis recoñecibles, aínda que sempre engadimos algunha xoia non tan coñecida. Manexamos un repertorio moi amplo e loxicamente non podemos facer un concerto de cinco horas (ri).
Como é a relación dunha banda tributo coa orixinal?
A única cousa boa que trouxo a pandemia foron situacións preciosas como unha agarimosísima charla dunha hora e media con Pick Withers, o baterista orixinal fundador. Para min foi moi emocionante estar unha hora conversando con el por videoconferencia. Sabemos que outros membros coñecen a existencia de Brothers in Band, pero o noso labor, aparte de pór en valor un grupo que xa non está en activo (como pode poñer en valor unha orquestra sinfónica interpretando a sinfonía escocesa de Mendelssohn), é facelo desde o máximo respecto e, sobre todo, transmitir emocións ao receptor. Ténsenos en certa estima desde o momento en que ninguén de Dire Straits saíu dicir: “Deixen vostedes de tocar” (ri). Pero máis alá da anécdota, recibimos o recoñecemento, que para nós é moi importante, do público. Dos últimos 14 shows en Holanda esgotamos nove, e iso indica que algo estamos facendo, non sei se ben ou mal, e que a xente o está a pasar ben. Ese é o maior recoñecemento que podemos ter. O obxectivo, insisto, é transmitir emocións en directo. Non se trata de copiar porque quen queira escoitalos xa ten o disco en casa.
Que ten de especial Dire Straits?
Desde o meu punto de vista, nos comezos, ese rock melódico, máis alá do virtuosismo logo atribuído ao guitarrista, e esas letras que teñen un gran poder de transmisión. As melodías son inabarcables e a súa riqueza está nesa forma que adquiren os diálogos entre a melodía vocal e a melodía da guitarra. A iso hai que engadirlle a incorporación nos seguintes discos dos teclados, de novas harmonías que dan como consecuencia un cóctel dun sonido único e inconfundible. A resposta curta é: o que fai diferente a Dire Straits é o seu sonido único e inconfundible, como consecuencia de diferentes ingredientes, entre eles o da guitarra de Knopfler, que nas súas distintas evolucións consegue ter varios sonidos que se converten tamén en únicos e inconfundibles: se un escoita a súa guitarra de do 91 sabe que é el, pero a guitarra do 77, sendo diferente, todo o mundo sabe que tamén é del. Os Dire Straits conseguiron transceder por ser únicos e inconfundibles. Moitos pasarán ao olvido; eles non, pero non polo volume de discos vendidos, senón pola facilidade coa que se pode recoñecer o grupo.