Manuel Monge: “O que se fixo co tren en Galicia foi unha tomadura de pelo”

Manuel Monge: “O que se fixo co tren en Galicia foi unha tomadura de pelo”
ateneo ferrolán libro perdemos o tren de manuel monge

O título do novo libro de Manuel Monge, “Perdemos o tren. As claves políticas do atraso” (Difusora de Letras, Artes e Ideas) dío todo. Trátase dunha recompilación de proxectos, promesas, xogos políticos e esquecementos que ten como consecuencia que os galegos “teremos un tren de alta velocidad de conexión coa Meseta case trinta anos despois de que o AVE chegase a Sevilla”.
Monge mergúllase nas hemerotecas para analizar o acontecidos coas liñas ferroviarias do país desde 1993, cando se aprobou un Plan Director de Infraestruturas que xa deixaba a Galicia fóra do desenvolvemento, a pesar de que o Parlamento galego se posicionaba a favor por unanimidade en cada votación. Porén, no Congreso non prosperaba.
“Pretendo recuperar a memoria histórica a nivel de infraestruturas e sobre todo a nivel do tren. Pérdese a perspectiva do que pasou en Galicia nos últimos vinte anos”, explica.
Cada responsable político queda retratado neste percorrido histórico por debates parlamentarios, titulares de prensa e procesos nunca iniciados. No caso de Ferrol, a alta velocidade non ten data (ponse un horizonte máis alá do 2024) e tampouco se mellora a conexión coa Coruña. “Non queren facelo porque din que non é rentable, pero non é rentable porque non pode ter esa duración, hai que facer un traxecto Ferrol-A Coruña en 25 ou 30 minutos”, explica Monge.
Con este tema, igual que coa alta velocidade, “o sistema que segue Fomento é encargar continuamente novos estudos. Cando non queren facer unha cousa fan estudos”.   
A explicación para Manuel Monge é “a falta de peso político de Galicia” no Estado. “Cando se negocia todo o mundo pon os deputados que ten enriba da mesa e iso nótase. De feito, cando os dous deputados do BNG eran necesarios para aprobar os orzamentos houbo unha diferencia substancial”, comenta.
Desbota excusas como a difícil orografía de Galicia, o clima ou a dispersión da poboación. “Son argumentos que non teñen validez porque, por exemplo, o que custa o túnel de Pajares é o mesmo que se invertiu en ferrocarril en todo o Eixo Atlántico”.
Monge, que foi concelleiro do BNG na Coruña e autor de obras como “Autovías galegas. Crónica dunha farsa” ou “A historia secuestrada polo franquismo”, rematou este traballo hai catro anos e decidiu actualizalo e publicalo a raíz do accidente do tren Alvia en Angrois, o pasado xullo. “Conto a farsa. Presentouse como un tren de alta velocidade e dous días despois do accidente Fomento estaba dicindo que non o era”.
É pesimista respecto do futuro porque cre que tampouco se van cumprir os prazos dados para a conexión coa Meseta e quere deixar claro que “o que fixeron foi unha tomadura de pelo continuada” nas últimas décadas. n

Manuel Monge: “O que se fixo co tren en Galicia foi unha tomadura de pelo”

Te puede interesar