Xa pasou máis dun mes dende que se atopou no peirao de Navantia o corpo inerte dun cetáceo que podería corresponderse con “Manoliño” —coñecido tamén como “Confi”—, o golfiño que frecuentaba ultimamente a ría de Ferrol interactuando tanto con bañistas como con pescadores ou mariscadores, e mesmo coa Armada.
Aínda que non se poida confirmar rotundamente a vinculación do cadáver con este delfín en concreto, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Marinos (Cemma) explica que existe compatibilidade coas súas características físicas, incluída unha ferida cun arpón na parte esquerda do seu corpo. Outro factor que leva a pensar que a vida do animal chegou ao seu fin é a súa desaparición, pois dende principios do mes pasado non se volveu notificar a súa presenza polas augas da comarca.
A primeira aparición do arroaz data de finais de 2019, época na que merodeaba pola ría de Muros e Noia, e en 2024 comezou a ser visto nadando polas augas ferrolás, sempre tratando de “entrar en contacto” coa poboación, feito que lle deu certa sona na contorna, provocando o seu bautizo como “Manoliño” ou “Confi”, alcume que referencia á epoca de confinamento na que a poboación soubo da súa existencia.
Ao longo destes anos, as opinións acerca de “Manoliño” son moi diversas, pois mentres que os pescadores amosaron o seu descontento, alegando que pode resultar perigoso e que era molesto no momento de faenar, moitos bañistas falan del con cariño, recordando os seus “xogos”.
Un dos fitos máis relevantes que viviu o golfiño foi en 2022, ano no que foi vítima do ataque dun arpón. Este acontecemento provocou unha gran mobilización da cidadanía coa apertura dunha petición na plataforma Change.org para o seu rescate, que reuniu máis de 200.000 firmas.
A pesar de que o incidente provocou numerosas feridas no seu costado —que, tal e como se mencionou antes, poden ser un rasgo identificativo para comparalo co corpo sen vida que se descubriu, xa que antes de librarse de forma definitiva do garfo fracasou en varias ocasións— , o delfín conseguiu saír pola súa propia conta e sen axuda externa con vida do accidente e continuou a súa actividade habitual ata o pasado 4 de xuño, data na que se rexistrou a súa última presenza na ría de Ferrol antes de que se lle perdese de vista definivamente.
Aínda tras a súa posible morte, “Manoliño” continúa a demostrar o aprecio que lle garda polo menos un sector da poboación, pois a raíz da noticia xurdiu outra petición en Change.org da man dos usuarios Verónica e Marcos, nesta ocasión pedindo que se salvagarde o seu recordo para sempre a través dun “homenaje físico y permanente a ‘Manoliño’ en forma de estatua, placa conmemorativa o mural, en el lugar donde apareció o fue más visto”, propoñe o que pode lerse completo e asinarse na plataforma en liña.
Fan un chamamento aos Concellos, así como ás autoridades locais e autonómicas, para que teñan en conta esta proposta e que ademais inclúa “una frase reflexiva y explicativa que ayude a recordar lo que pasó y lo que no debe volver a pasar”, pois denuncian que o arroaz “solo quería interactuar” e, en lugar de recibir protección, sufriu “incomprensión, rechazo e abandono”.
Mencionan as medidas da Cemma, entre as que figura a colocación de carteis con indicacións acerca de como tratar con este tipo de animais explicando as súas características e os perigos que conleva a súa interacción, considerando que “nunca se garantizó una protección real ni se contuvo el acoso popular ni mediático”. A petición inclúe unha crítica aos medios de comunicación , xa que consideran que o converteron nun “circo mediático” describíndoo como un “estorbo”, “un perigo” ou “unha molestia” para os pescadores.
Afirman que, en contraposición coa trascendencia destas informacións, a noticia do rumor do seu falecemento “apenas duró un día” e o interese mediático “se esfumó tan rápido como había explotado”. Con todo, os creadores da petición fan énfase na importancia da súa memoria desexando que “el mar no se lleve su historia”. A presenza de “Manoliño” suscitou opinións moi diversas, pero parece ser común a permanencia —tanto para ben como para mal—do golfiño no recordo colectivo.