lll

Recibe cada mañana las últimas noticias. REGISTRARME

Recibe las noticias desde Telegram. ÚNETE

Mamen Prieto: “Un sitio onde compartir a vida cultural e social non ten prezo”

Yolanda Díaz e Mamen Prieto, da cooperativa Andaravía, diante do centro social da rúa Río Xuvia, no Ensanche | e. cortizas

O centro social para persoas maiores da rúa Río Xuvia, de propiedade municipal, reabriu en verán impulsado pola demanda veciñal. Xa non ten cafetería en réxime de concesión –por renuncia dos adxudicatarios– nin comedor sénior –rematou o contrato– pero agora oferta, os luns, actividades para favorecer que este grupo de idade se manteña activo, reforce as súas capacidades físicas e cognitivas e estreite lazos. Hai 57 persoas inscritas, que participan de forma variable (cinco homes e as demais, mulleres), xunto coas que pasan por alí e comparten unha partida de cartas ou de dominó, sen máis.
 

A cooperativa Andaravía encárgase de coordinar e guiar estas propostas, da man de Yolanda Díaz e Mamen Prieto. Traballan no eido do envellecemento activo desde 2006 e teñen como programa imprescindible as andainas e tamén a actividade mental, a través do cálculo, o traballo coa linguaxe, as manualidades, a exercitación da memoria e exercicios que, en xeral, forcen ao cerebro a ir máis alá do cómodo. 
 

A actividade física faise pola mañá, cun paseo polo barrio que comezou durando unha hora e xa vai por dúas e no que participa un grupo estable, incluíndo a camiñantes de 91 anos ou a xente con párkinson. Pola tarde fanse os xogos no propio centro, no interior, aínda que en canto o tempo o permita proporanse saídas para rebasar os límites do barrio.

 

Vivir o barrio

“O normal e óptimo é chegar a vello con actividades que che gusten e que fagas por pracer”, comenta Mamen Prieto. Pasada a xubilación, quedan anos nos que se está en plena posesión de facultades. De aí a importancia de fortalecer a saúde e os vínculos persoais, de establecer contactos e de coidarse. A parte social é moi relevante, o ter “todas as semanas un día para estar coa túa xente”, engade Prieto. “Vivimos o barrio e aquí fórmanse moitos vínculos, redes sociais. Coidámonos, gústanos Ferrol, a nosa cidade”. Considera que é “excelente para a xente maior, unha cidade tranquila” e que son moi necesarios espazos coma este. “Ter un sitio onde compartir a túa vida cultural e socialmente non ten prezo”.   
 

As persoas que se achegan ao centro, sobre todo de Santa Mariña e do Ensanche, agradecen que se fagan actividades específicas e, de feito, é o luns cando más veciños acoden. “A xente maior si que necesita que os dirixamos, que lles expliquemos... máis que outros grupos de idade. É unha xeración que traballou moitísimo e non tiveron as oportunidades que tivemos nós”, apunta Prieto. Ese grupo heteroxéneo que inclúe desde persoas universitarias ata xente sen estudos, todos eles con peripecias vitais diferentes, comparten porén características xeracionais e gozan cando poden ter un sitio no que falar. “Esa parte encántalles, cando facemos actividades nas que fan memoria e poden falar. Aí nótase moito os que teñen familia e os que viven sós. Estes últimos participan moito máis, necesítano”, apunta.
 

O espazo volveu funcionar despois do peor da pandemia, logo de moitos meses de restriccións ao contacto social. “Foi o mellor momento para abrir isto”.

 

Ciberseguridade

Cada mes organizan unha actividade extraordinaria, que comezou en outubro coa celebración do Samaín e en novembro estivo protagonizada pola violencia de xénero. En decembro festexaron o fin de ano e neste xaneiro contaron onte cunha charla sobre ciberseguridade a cargo da Policía Nacional e para o luns tomará o relevo a Policía Local para falarlles sobre seguridade viaria.
 

O que falta, din desde Andaravía, é que o resto dos días da semana se encha o local con outras actividades que dean unha escusa para ir. O Concello traballa niso. A edila de Benestar Social, Eva Martínez, asegura que “malia as dificultades técnicas e administrativas, se están a buscar solucións para completar a oferta, que sería poder ofrecer un servizo de comedor, utilizando mesmo a cociña que xa ten a instalación”. O propósito é o de convertirlo “nun espazo central no que poder desenvolver actividades culturais, sociais, de vida sana, e en xeral, que vaian na liña de afondar no envellecemento activo”.

Mamen Prieto: “Un sitio onde compartir a vida cultural e social non ten prezo”

Te puede interesar